O BNG reclama reforzos urxentes na Xustiza en Ourense e advirte da “desatención” da Xunta

OurenseXa
O deputado nacionalista por esta circunscrición, Iago Tabarés, foi o encargado de impulsar estas propostas
Iago Tabarés, deputado do BNG
27 Jul 2025

O Grupo Parlamentario do BNG vén de rexistrar unha batería de iniciativas no Parlamento galego co obxectivo de mellorar o funcionamento da Administración de Xustiza na provincia de Ourense. O deputado nacionalista por esta circunscrición, Iago Tabarés, foi o encargado de impulsar estas propostas.

Entre as demandas máis urxentes, o BNG solicita a ampliación do persoal funcionario e a cobertura inmediata das baixas para evitar situacións de colapso. “Evitaríase así o que aconteceu no Xulgado de Instrución número dous, onde a falla de cobertura dos postos fai que non poda atenderse o servizo de garda e o despacho ordinario de asuntos”, explicou Tabarés.

A formación nacionalista tamén reclama a implicación da Xunta de Galicia para ampliar a planta xudicial nas xurisdicións Civil e Penal, que segundo denuncian, “están cunha extraordinaria carga de traballo”.

Outro dos puntos destacados polos nacionalistas é a súa oposición ao modelo de comarcalización da futura sección de violencia sobre a muller. Segundo advirten, esta unidade tería competencia sobre case todos os partidos xudiciais da provincia, “atendería ao 88 % da poboación e ao 71 % do territorio, feito que prexudicaría notablemente a atención ás vítimas”, sinalou Tabarés. “Tampouco é baladí o feito de que estaríamos diante dunha unidade xudicial que nacería cunha carga de traballo moi por riba do máximo aconsellábel polo Consello Xeral do Poder Xudicial, o que impediría o seu correcto funcionamento malia contar cun cadro de grandes profesionais”, engadiu.

O deputado ourensán conclúe cunha crítica directa ao Goberno galego: “A situación da Administración de Xustiza en Ourense revela que neste ámbito, a Xunta de Galiza tamén desatende, como en tantos outros, as necesidades de Ourense e en consecuencia das e dos ourensáns”.

⚙ Configurar cookies
0.11452412605286