O BNG reclama un novo prazo de exposición pública para a planta de biogás de Xunqueira de Ambía

Denuncian que o expediente non foi accesible durante varios días, o que, sinalan, “impide a presentación de alegacións en prazo e vulnera o dereito da cidadanía a acceder á información ambiental”
sonia-vidal-lamas
Sonia Vidal
8 Oct 2025

O Bloque Nacionalista Galego presentou unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia para que a Xunta amplíe o prazo de exposición pública do proxecto da planta de tratamento de residuos e produción de biometano en Xunqueira de Ambía (Ourense), promovido pola empresa Biofertilizantes Xunqueira de Ambía SL.

Os deputados do BNG, Sonia Vidal Lamas, Xosé Manuel Golpe Acuña e Luís Bará, denuncian que a documentación do expediente, publicado no Diario Oficial de Galicia o pasado 3 de outubro, non era accesible a través do portal web do Ministerio de Medio Ambiente, o que, segundo indican, “impide a presentación de alegacións en prazo e vulnera o dereito da cidadanía a acceder á información ambiental”.

Por este motivo, a deputada nacionalista e voceira do BNG en Xunqueira de Ambía, Sonia Vidal, reclama que “a Xunta debe garantir a transparencia e a participación real. Non é aceptable que un fallo informático reste dereitos nin silencie ao barrio afectado”.

O BNG solicita que o prazo de exposición pública se amplíe tantos días como durase a falta de acceso á documentación e que esta prórroga se publique no Diario Oficial de Galicia, tal e como recolle a Lei 5/2017 de fomento da actividade empresarial.

Ademais, a formación rexistrou varias preguntas no Parlamento para que a Xunta aclare as causas do fallo, o tempo estimado para a súa resolución, as medidas adoptadas para garantir a transparencia e quen é o responsable desta incidencia.

Sonia Vidal tamén criticou ao PP local por “xogar cos veciños” ao afirmar nunha moción que descoñecen o impacto do proxecto, “cando existe un informe municipal favorable desde febreiro de 2024”.

O BNG insiste en que a Xunta debe actuar con “responsabilidade e transparencia” e reclama a apertura dun novo período de exposición pública para garantir os dereitos de participación e o acceso á información ambiental dos veciños e veciñas de Xunqueira de Ambía.

⚙ Configurar cookies
0.073784828186035