O BNG reclamará no Parlamento galego un Plan de reforzo da sanidade pública en Ourense

OurenseXa
Denuncian o colapso da atención en áreas como oftalmoloxía e rehabilitación e advirten de que a provincia segue a presentar os segundos peores datos de Galicia en canto a listas de espera
noa-presas-chuo
10 Oct 2025

A deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas, denuncia o “efecto espejismo” dos datos sobre os tempos de espera para unha consulta hospitalaria na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, anunciados este xoves polo Sergas, que apuntan a unha redución nas listas en varias especialidades.

Para o BNG, a lixeira mellora dos datos “non pode levar ao conformismo porque se os datos melloran é porque vivimos algúns dos peores da nosa historia”. Presas lembra que “o tempo medio de espera prepandemia non se recuperou e hai especialidades que seguen colapsadas, como Oftalmoloxía e Rehabilitación, que aínda superan os 100 e os 90 días respectivamente”. Ademais, sinala que as listas de espera en Cirurxía Xeral e Dixestiva seguen por riba da media galega, de 50 días, e achéganse aos 60 na Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.

Para Presas, "o acceso á sanidade con igualdade territorial segue a ser unha quimera en Galicia, xa que Ourense ten o segundo peor dato só por detrás de Lugo, poñendo de manifesto a falta de igualdade de recursos que xa advertiu o Consello de Contas" e critica que "a receita do Partido Popular é, en lugar de reforzar a sanidade pública, encher as arcas do sector privado".

A deputada advirte de que este ano a Xunta desviou 29 millóns de euros á sanidade privada e “desviáronse pacientes a Vigo en lugar de reforzar os recursos en Ourense”, o cal, sinala, “é un parche, non unha solución”.

Presas insiste en que “xa en 2024, o Consello de Auditoría emitiu un informe no que advertía do aumento da prestación asistencial con recursos fóra da área de saúde de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras”. Un informe que, apuntan os nacionalistas, revelou como en 2022, a prestación de asistencia sanitaria con medios externos aumentou con maior intensidade en Ourense. “Se en Galicia aumentou un 5%, en Ourense un 6,8%, sendo a Área de Ourense a que rexistrou o maior incremento e o maior peso, coa derivación á atención privada, en torno ao 20%. En Ourense, en 2022, mentres que a actividade propia creceu un 11%, a derivación a centros privados fíxoo un 41%”.

Ante esta situación, o BNG anuncia que reclamará no Parlamento galego "un Plan de reforzo da sanidade pública en Ourense que aposte por máis persoal, máis recursos e unha mellora asistencial nas áreas máis sensibles para a poboación como a xeratría ou a atención ao ictus cunha unidade realmente ben equipada".

⚙ Configurar cookies
0.074821949005127