O BNG recolle sinaturas contra o peche da oficina de Naturgy en Celanova

O pasado mes de xuño, o BNG de Celanova lograba que o Pleno do Concello aprobase por unanimidade da corporación unha moción presentada pola súa portavoz municipal, Ernesta Seoane, na que se reclama a reapertura inmediata da oficina de atención ao público de Naturgy na vila.
Denuncian que as instalación foron pechadas de forma unilateral pola empresa e aseguran que esta decisión "constitúe un novo agravio contra a veciñanza das comarcas da Terras de Celanova e da Baixa Limia" e supón un retroceso nos dereitos da cidadanía ao acceso a servizos básicos.
Agora, os nacionalistas levan a cabo unha campaña de recollida de firmas entre a veciñanza afectada, como é o caso da Merca, onde o BNG estivo recadando sinaturas esta semana.
O grupo nacionalista advirte das consecuencias sociais desta medida, especialmente para as persoas maiores:. “A alternativa ofrecida, as xestións por teléfono ou internet, é, na práctica, unha farsa para unha poboación avellentada, con conectividade limitada e dificultades tecnolóxicas”, explican. “É inadmisíbel que empresas que obteñen enormes beneficios da explotación dos nosos recursos naturais, como a auga dos encoros da Baixa Limia, actúen con total impunidade”, afirmaba Seoane no pleno de Celanova.
O BNG considera que este novo peche encaixa nun proceso máis amplo de desmantelamento dos servizos básicos no rural galego e insta as institucións a asumir o seu papel de defensa do territorio e da veciñanza.
Agora, con esta campaña de recollida de sinaturas, piden aos concellos das comarcas de Terra de Celanova e da Baixa Limia que se sumen á demanda para lograr a reapertura deste servizo.