O BNG solicita unha reunión co PMUS para progresar na mobilidade da cidade
Nas Xuntas de Área celebradas esta mañá no Concello de Ourense, desde o Grupo municipal do BNG reiteraron algunhas cuestións xa abordadas en reunións anteriores pero que, “como ben sendo habitual, quedaron novamente pendentes”.
Así, na Xunta de Área de Administración. Xeral e loxística, Mobilidade e Seguridade, o Portavoz do BNG Luís Seara, solicitou a convocatoria dunha reunión da Comisión do PMUS para abordar a situación da mobilidade na cidade, “pois a situación de caos existente vai a máis cada día”. Ao tempo, Seara entende preciso “avanzar dunha vez por todas na definición e na implementación da Zona de Baixas Emisións (ZBE). Xa ímos tarde e da pouca información que temos, os pasos dados polo Goberno Local son absolutamente insuficientes”.
Igualmente, os nacionalistas reiteraron a necesidade de que compareza o Director Xeral de RRHH “para dar conta da afectación que está a ter sobre o persoal a anulación do capítulo I do Orzamento de 2020, unha comparecencia pedida mesmo por Rexistro pero que aínda non se produciu”.
Luís Seara tamén pediu unha reunión da Xunta de Portavoces “para abordar a situación do transporte público, da situación na que se atopan os pregos de licitación e da súa adaptación ao futuro transporte metropolitano”.
Na Xunta de Área de Urbanismo, e logo de que desde o BNG se trasladase a disconformidade de boa parte da veciñanza da Avda das Caldas polas obras da senda peonil que está executando a Xunta, o Concelleiro delegado admitiu o descontento do Concello cos traballos que se están acometendo e mesmo adiantou que así llo trasladaron por escrito ao Goberno galego, escrito ao que os nacionalistas pediron ter acceso.
A anécdota produciuse cando o Concelleiro do BNG Xosé Manuel Puga fixo referencia á resposta dada pola Xunta ás preguntas do BNG no Parlamento de Galiza sobre quen se ía facer cargo do pagamento dos arranxos levados a cabo na rúa Marcelo Macías logo das deficiencias detectadas. Na resposta, a Xunta sinalaba que “parte dos mesmos eran sufragados pola empresa adxudicataria" e o Concelleiro confirmou que "o Concello terá que facer fronte ao pagamento de 2 metros de tubaxe que a empresa non cubre".
Sobre os proxectos que o Alcalde vai anunciando alí a onde acode, como recentemente en Cabeza de Vaca con motivo das festas do pobo e onde prometeu a construción dun miradoiro na zona, o Concelleiro de Urbanismo afirmou "descoñecelo por completo".