O BNG traslada ao Parlamento as queixas pola senda peonil que atravesa a avenida das Caldas

OurenseXa
Solicitarán a construción de máis zonas verdes ao longo de todo o percorrido da senda
Iago Tabarés, deputado do BNG
28 Ago 2024

O Grupo Parlamentar do BNG, a través do deputado por Ourense, Iago Tabarés, rexistrou recentemente unha serie de preguntas no Pazo do Hórreo sobre a execución da senda peonil que a Xunta de Galiza está a levar a cabo en Ourense. O proxecto, que afecta ao treito entre a estación Empalme e a Ponte Vella, pasando pola Avenida das Caldas no barrio da Ponte, foi adxudicado por un importe de 1.296.980,85 euros (IVE incluído) cun prazo de execución de 16 meses.

Tabarés destaca que o proxecto inclúe espazos para a circulación e estacionamento de vehículos, un carril ciclista e beirarrúas para o tránsito peonil. Non obstante, a opción do pavimento escollido para as novas beirarrúas xerou controversia. O proxecto permitía escoller entre lousas de pedra morena ou formigón, sempre considerando a durabilidade e conservación. Segundo o BNG, a decisión final de empregar formigón está a provocar preocupación entre os veciños debido á súa aparencia e impacto na humanización da zona.

O deputado do BNG lembra outros proxectos criticados anteriormente, como a reforma da Avenida Otero Pedrayo, a rúa Marcelo Macías e a Estación de Autobuses, e acusa ao Goberno galego de limitar os investimentos en Ourense a costa do benestar da cidadanía.

Diante das crecientes queixas veciñais, o BNG quere saber se a Xunta ten previsto realizar modificacións nas beirarrúas da Avenida das Caldas e cuestiona se o criterio principal para a intervención debe ser o menor custe. Ademais, critican as talas de masa arbórea realizadas durante a execución dos traballos, argumentando que o proxecto era unha oportunidade para incrementar os espazos verdes e o patrimonio arbóreo da cidade. O BNG busca aclaracións e posibles cambios no proxecto para garantir que os intereses da cidadanía de Ourense se vexan respectados e mellorados.

0.16745615005493