O BNG urxe á Xunta e á Deputación a impulsar o transporte metropolitano de Ourense

OurenseXa
Denuncian que o proxecto foi anunciado hai máis de 10 anos e reclaman “coordinación institucional e cumprimento dos compromisos adquiridos para garantir un servizo esencial para a comarca”
Xose Manuel Puga e Iago Tabarés con representantes da comarca de Ourense no intercambiador da Alameda
Xose Manuel Puga e Iago Tabarés con representantes da comarca de Ourense no intercambiador da Alameda
21 Oct 2025

O BNG volveu reclamar a posta en marcha do transporte metropolitano de Ourense, un proxecto que, segundo a formación, segue pendente tras máis de dez anos de anuncios por parte das administracións locais e autonómicas.

Nunha rolda de prensa celebrada no intercambiador da Alameda, os deputados Iago Tabarés, no Parlamento galego, e Xosé Manuel Puga, na Deputación Provincial, solicitaron unha maior coordinación institucional e o cumprimento dos compromisos asumidos para garantir “un servizo esencial para a comarca”.

Tabarés subliñou que os proxectos do intercambiador e do transporte metropolitano “seguen a medio camiño: un paralizado e o outro aínda nos seus inicios”. Segundo o deputado, a Xunta de Galicia non avanzou co estudo de impacto nin coa negociación coas concesionarias das liñas intermunicipais, o que bloquea a implantación do servizo. “Sen esta obra previa, o transporte metropolitano quedará bloqueado durante anos, o que é inaceptable para o medio ambiente, para a cidadanía e para o acceso aos servizos públicos”, advertiu.

Pola súa banda, Puga repasou a serie de “anuncios incumpridos” desde 2015 e lembrou que, aínda que o ano pasado se creou un grupo de traballo na Deputación con representación dos catro grupos, “aínda non logramos avances reais”. O deputado provincial anunciou que o BNG presentará un escrito para que o asunto se trate nas comisións informativas da Deputación este mércores, co fin de esixir información sobre a situación do proxecto.

O BNG tamén destacou a importancia do transporte metropolitano por motivos medioambientais e de mobilidade, especialmente tras a aprobación da zona de baixas emisións en Ourense. “Se non se activa o servizo, moitas persoas de municipios limítrofes non poderán acceder á cidade, o que supón un novo golpe ao barrio e unha contradición coa política ambiental”, insistiu o deputado.

Desde o BNG instan ás administracións implicadas a “traballar conxuntamente para que o proxecto poida implementarse”, e insisten en que Ourense necesita un transporte metropolitano moderno, eficiente e coordinado.

⚙ Configurar cookies
0.076336860656738