O BNG volverá a esixir no pleno da Deputación a disolución do INORDE

O BNG vén de presentar dúas novas emendas parciais aos Orzamentos da Deputación de Ourense do 2026, que serán debatidas no pleno provincial deste venres, 28 de novembro, coas que os nacionalistas buscan promover a eliminación do INORDE e limitar a discrecionalidade na xestión dos fondos destinados ao Concello de Ourense pola Deputación. Ambas súmanse á emenda a totalidade presentada fai uns días contra os orzamentos presentados pola institución provincial.
O grupo nacionalista reitera a necesidade de disolver o INORDE e integrar as súas competencias nas áreas e servizos da propia Deputación, para o que rexistraron unha emenda que reduce en 2.400.000 euros a partida destinada a financiar este organismo no orzamento provincial.
“Non ten ningún sentido seguir sostendo un ente que non cumpre cos obxectivos para os que foi creado e que o actual goberno provincial se nega a reformar nin sequera nos aspectos máis básicos”, sinalou o deputado provincial do BNG, Xosé Manuel Puga, que lembrou que xa existe un acordo aprobado por maioría absoluta no pleno da Deputación do mes de outubro de 2024 para proceder á súa disolución e integrar o persoal, patrimonio e activos do INORDE nos departamentos máis axeitados da institución provincial. “O que pedimos agora é simplemente coherencia: se o pleno decidiu disolvelo, non pode seguir financiándose como se nada tivese cambiado”, din os nacionalistas.
Ademais, o BNG provincial presentou tamén unha emenda ás bases reguladoras do Programa Especial de Cooperación para o cofinanciamento de obras promovidas polo Concello de Ourense nos anos 2025-2026, que busca impedir que o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, dispoña de forma discrecional dos fondos asignados pola Deputación para investimentos no municipio.
Na citada emenda elimínase a referencia á posibilidade de realizar “cambios na denominación das obras, incorporación e baixa de obras do plan” e inclúese expresamente que “non se admitirán cambios na finalidade das actuacións co obxecto do presente programa de cooperación”. Con esta medida, os nacionalistas buscan “garantir que os recursos provinciais se empreguen con criterios de transparencia, planificación e interese xeral, e en concreto para as vinte obras solicitadas desde o concello e non que se empreguen en función das decisións unipersoais do alcalde de Ourense”.
Esta proposta, explican, responde ao feito de que, na aprobación dos Orzamentos do Concello de Ourense no mes de agosto, o alcalde introduciu un cambio nas bases de execución, co amparo do Partido Popular de Ourense, polo que se permite á Alcaldía decidir o destino das incorporacións de remanentes con financiamento afectado, fronte ao criterio anterior que esixía a aprobación polo pleno da corporación. “Non podemos permitir que a mesma dinámica de falta de control que o alcalde aplica no Concello se estenda agora tamén aos fondos da Deputación”, concluíu o deputado nacionalista.