O BNG volverá a pedir no Parlamento Galego que se retomen as conversas para desbloquear o conflicto da Praza de Abastos

O BNG urxe retomar as negociacións entre administracións competentes e os comerciantes co obxecto de desbloquear unha situación que leva anos enquistada, logo de coñecerse a resolución xudicial da Sección do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Instancia de Ourense na que se acorda a suspensión cautelar do requirimento municipal de abandono do espazo ocupado actualmente polas praceiras e praceiros na Alameda do Concello.
Neste sentido, o deputado nacionalista, Iago Tabarés, anuncia que o seu grupo volverá a pedir no Parlamento de Galicia que “con carácter urxente e con plena transparencia e publicidade, se active un proceso de diálogo e negociación con todas as administracións atinxidas así como coa Asociación de Comerciantes da Praza de Abastos número 1 de Ourense ao obxecto de acordar as actuacións necesarias para adecuar o edificio da Praza de Abastos ao seu uso comercial e social, establecendo os compromisos concretos de financiamento e os prazos de execución que garantan a súa efectiva posta en funcionamento”.
Ademais, os nacionalistas consideran que é preciso artellar canto antes o procedemento para o traslado ordenado das comerciantes ás novas instalacións, coa correspondente recuperación da zona verde da Alameda para o uso e desfrute público, así como levar a cabo as intervencións precisas para mellorar a accesibilidade, acondicionar comercialmente o exterior do edificio e completar a urbanización da contorna consonte ao proxecto orixinal, asumindo os compromisos orzamentarios necesarios e fixando un cronograma claro para o seu desenvolvemento.
O auto xudicial, lembra Tabarés, “sinala expresamente que a execución do desafiuzamento suporía a paralización inmediata da actividade económica das persoas comerciantes, dado que o edificio da Praza non está en condicións de ser ocupado e recoñece que a ocupación da Alameda non foi arbitraria, senón resultado dun acordo previo entre as partes”. Para o nacionalista, “esta realidade evidencia que, a día de hoxe, non existen condicións materiais para o traslado da actividade comercial ao edificio rehabilitado, perpetuándose unha situación que prexudica ás persoas comerciantes que viven nunha incerteza permanente e ao conxunto da cidadanía, privada tanto do uso pleno da Alameda como dun mercado municipal plenamente operativo”.
Desde o BNG insisten en que esta situación está a xerar “enormes prexuízos económicos e sociais” provocados, afirman, “pola nefasta xestión municipal”, sinalando directamente ao executivo de Gonzalo Pérez Jácome. “As limitacións que supón a privación á cidadanía de espazos públicos, a paralización do necesario desenvolvemento dunha das zonas máis relevantes da cidade, exixe da inmediata e transparente intervención das Administracións Públicas para pór fin ao caos que se está a vivir na Praza de Abastos e a súa contorna”, conclúen os nacionalistas.