O Boletín Oficial da Provincia de Ourense mellora a accesibilidade para as persoas con discapacidade visual

OurenseXa
Contará cun novo botón de escoita para facilitar a experiencia de todas as persoas usuarias
pazo-provincial-deputacion-de-ourense-recurso
6 Feb 2025

A Deputación de Ourense, na súa aposta po mellorar a accesibilidade dixital, pon en marcha dúas iniciativas de relevancia: por unha banda, xa está renovada a páxina web do Servizo de Publicacións, onde se poderá atopar o catálogo editorial da institución, que recolle todo o que publicou ata o momento a Deputación. Por outra banda, o Boletín Oficial da Provincia (BOP) estrea un botón de “escoita” para acceder aos edictos en formato audio.

A web do Servizo de Publicacións da Deputación ( trátase dunha nova ferramenta que facilitará o acceso e a compra de obras científicas, artísticas, literarias ou musicais, tanto de autores ourensáns como de outros divulgadores da realidade de Ourense.

A Deputación ten editados case 600 títulos, que reflicten o importante esforzo que o organismo provincial dedica a este tipo de difusión. A web pretende facilitar a compra online destas obras, que ata agora se podían mercar a través de librarías ou da propia oficina de Publicacións.

Na web pódese consultar o catálogo editorial de diferente formas: por palabras chave, por autor, título ou ano de publicación. Ademais, pódese acceder a diferentes categorías ou temas aos que se refiren as publicacións, como a provincia en imaxes, biografías e personaxes de Ourense, compilacións de artigos publicados en prensa, emigración, patrimonio ou termalismo.

Un servizo con historia

A Deputación comezou a publicar en 1976, a través do “Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo”, cuxos fins eran realizar, promover, subvencionar e coordinar as investigacións e estudos de natureza científica, histórica, literaria e artística referida á provincia ou rexión que redundasen no prestixio e honra de Ourense e asesorar á Deputación en materia cultural.

Disolto o instituto, creouse o Servizo de Publicacións. Hoxe, existe un Negociado, dependente da Sección de Arquivo e Publicacións, desde o que a institución continúa co mesmo obxectivo, afanándose en profundar no coñecemento da provincia.

Cada ano, elaborase dende a Deputación de Ourense un Plan de publicacións e tamén se pon en marcha un concurso, para elixir as obras que se publicarán ao longo do exercicio.

Todos os títulos editados pola institución chegan de forma gratuíta á rede de bibliotecas públicas da provincia, ás máis importantes do resto de Galicia e a calquera outro punto de lectura que o solicite.

O xornal de referencia da Deputación

O Boletín Oficial da Provincia de Ourense (BOP), o xornal oficial no que se publican as resolucións das diferentes administracións públicas, da Administración de Xustiza e de particulares -asuntos que se circunscriban á provincia de Ourense- estrea unha nova ferramenta dixital que convirte á publicación electrónica en referente de accesibilidade. A través do portal situado en internet (https://bop.depourense.es) xa está dispoñible unha funcionalidade que permite escoitar tanto o índice coma os edictos do BOP.

A área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense destaca a “gran utilidade” deste sistema de escoita para persoas con algún tipo de discapacidade ou simplemente para o público en xeral.

O botón de escoita, dispoñible ao inicio da páxina oficial e en todos os edictos, supón unha mellora en accesibilidade dixital, xa que ofrece unha mellor experiencia ao maior número posible de persoas, incluídas aquelas que teñan algunha discapacidade como, por exemplo, persoas con discapacidade visual, pero tamén outros usuarios do boletín que teñan dificultades neurocognitivas ou discapacidades intelectuais.

O sistema de audio é accesible a través dun botón disposto en cada unha das ventás da edición dixital do BOP. Ao premer no botón “escoitar”, o usuario pode escoitar ao completo o contido da páxina web onde se atope (índice ou edictos), con funcionalidades que inclúen tamén a posibilidade de cambiar a velocidade de lectura, así como saltos cara adiante.

Dende a Área de Transparencia e Goberno Aberto infórmase tamén que están a traballar noutra funcionalidade que complemente a que agora se presenta, e orientada a facilitar a navegación integral a persoas con outros tipos de capacidade. O obxectivo e chegar ao 100% da poboación independentemente da súa capacidade ou condición física.

 

 

0.16677498817444