O cadro de persoal de Textil Lonia intensifica as protestas

As persoas traballadoras da empresa ourensá Sociedad Textil Lonia anuncian unha nova serie de concentracións diante das tendas de Carolina Herrera e Purificación García en Ourense, que terán lugar durante os meses de xaneiro e febreiro. Esta mobilización forma parte dunha loita iniciada a finais de 2025 para demandar condicións de traballo máis dignas, con reivindicacións que van máis aló do convenio colectivo do sector.
O calendario de protestas contempla concentracións os días 21, 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de xaneiro, así como o 2, 3, 4 e 6 de febreiro, en horario de tarde. Desde a representación sindical da empresa aseguran que “se non queren escoitarnos na mesa de negociación, escoitarannos nas rúas”, mostrando así a súa disposición a continuar coa presión ata conseguir respostas da dirección.
Segundo indican, “todo apunta a que a dirección non considera urxente atender unhas reivindicacións que afectan directamente ás condicións de vida e de traballo de centos de persoas”. Ademais, aseguran que “se pensan que alongando os tempos, mantendo o silencio e tentando invisibilizar as demandas van conseguir calar o cadro de persoal, que teñan claro que non vai ser posible, porque as persoas empregadas de Lonia dixeron basta de precariedade, de desprezo e de silencio”.
A representación dos traballadores explica que a súa loita non só responde a un conflito laboral, senón á defensa “da dignidade de quen sostén co seu traballo unha industria de luxo, con beneficios que non repercuten no seu peto”. Por iso, fan un chamamento á veciñanza, ás compañeiras doutros sectores, a colectivos sociais e organizacións para que apoien a mobilización, especialmente na primeira concentración convocada para este mércores 21. “Deste xeito poderán tamén escoitarnos e coñecer de primeira man as nosas reivindicacións, porque non temos nada que esconder, pero si moito que denunciar publicamente. A sociedade ten dereito a saber que mentres nós confeccionamos luxo, o que recibimos son migallas e desprezo”.
Desde a CIG Ourense, a secretaria comarcal Xulia González manifesta o “total apoio” da organización ás “lexítimas demandas” do cadro de persoal de Textil Lonia, e asegura que “imos estar, como sempre estivemos, ao carón das persoas traballadoras cando se detectan inxustizas laborais”. González advertiu tamén que “o compromiso é claro e firme: non abandonaremos esta loita até acadar melloras reais e substanciais, así teñamos que recorrer a todas as medidas de presión que fagan falta”.
A responsable sindical subliña a importancia de “dar resposta” a unhas persoas que, tras máis de 20 anos, decidiron alzar a voz fronte a unha situación prolongada de “maltrato laboral por parte da empresa”. “O silencio xa non é unha opción, nin para elas nin para quen ten a responsabilidade de escoitalas”, conclúe.