O calendario de feiras de ensino do programa ‘Galicia Educa’ arrancará en abril en Expourense

OurenseXa
O recinto feiral acollerá a primeira gran feira educativa para impulsar o intercambio de experiencias entre o estudantado os días 2 e 3 de abril
Expourense
Imaxe de Expourense
20 Mar 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou este mércores na presentación do calendario de feiras educativas de Galicia, Galicia Educa. Unha nova iniciativa, tal e como explicou, que ten como obxectivo difundir estas mostras, que se celebran tanto a nivel autonómico como provincial, comarcal e local, de tal forma que os centros educativos as coñezan e poidan organizar visitas do seu alumnado.

O titular do departamento educativo da Xunta sinala que estas feiras “son unha oportunidade única para a orientación vocacional e profesional dos estudantes e das súas familias”. Neste sentido, destacou que nestes eventos unen as súas forzas os distintos axentes e administracións implicadas na educación, xa que se expoñen diferentes ofertas formativas, desde a de FP e universitaria ata as relacionadas cos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

“Con este calendario queremos, ademais, dar visibilidade o traballo de centros escolares de toda Galicia, que participan nestas citas tanto como organizadores como expoñendo as súas boas prácticas e proxectos, como exemplo para o resto da comunidade educativa”, afirmou Román Rodríguez.

“É moi importante que o alumnado e os docentes conten con este tipo de escaparates onde amosar orgullosos o magnífico e innovador traballo que se realiza nas aulas galegas día a día, que é unha boa mostra ademais da igualdade de oportunidades que dá o noso sistema educativo”, salientou o conselleiro.

Galicia Educa inclúe un total de 17 feiras educativas que se desenvolven ao longo de todo o curso escolar en diferentes puntos da xeografía da Comunidade. Seis delas son de nova creación este ano, tres baixo a organización directa da Xunta de Galicia.

No ámbito autonómico nace este ano STEMgal25, co obxectivo de amosar a integración destas competencias e as dixitais en todas as áreas do currículo e a utilidade das mesmas ao servizo dun sistema educativo de vangarda. Neste evento, que se celebrará no mes de xuño na Cidade da Cultura de Galicia, poranse en valor os proxectos do centros educativos neste ámbito, en especial os vencellados a programas de fomento do pensamento crítico, científico e computacional en todos os campos e saberes.

No eido provincial, Xunta, Deputación e Expourense organizarán unha nova feira educativa para impulsar o intercambio de experiencias, a aprendizaxe colaborativa e o fortalecemento das relacións entre os diferentes niveis de ensino e entre alumnos, centros, docentes, directores e outros expertos vinculados ao sector. O evento desenvolverase no recinto feiral da cidade das Burgas os vindeiros 2 e 3 de abril e servirá tamén como lugar de encontro para compartir experiencias e boas prácticas.

⚙ Configurar cookies
0.082256078720093