O Campamento Urbano 'Cidade de Ourense' volve no mes de agosto

OurenseXa
A actividade, que chega a súa edición número 37 como referente do lecer de verán en Ourense, transcorrerá do 1 ao 13 de agosto
Presentación do Campamento Urbano 'Cidade de Ourense' 2024
2 Jul 2024

A asociación xuvenil Amencer, coa colaboración da Concellería de Xuventude do Concello de Ourense, organiza unha nova edición do Campamento Urbano "Cidade de Ourense", que se desenvolverá do día 1 ao 13 de agosto. A concelleira de Xuventude, Tamara Silva, o xerente, Xulio César Iglesias e o coordinador de Amencer, Xulio Vilar, e o director do campamento, Javier Carballo, presentaron no salón do plenos a actividade, que este ano chegará aos 37 veráns ininterrompidos poñendo á disposición da rapazada da cidade a súa oferta de lecer.

Escolares de entre 8 a 16 anos poderán participar no Campamento Urbano Infantil, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde e, a partir dos 16 anos, no Campamento Urbano Xuvenil, que transcorrerá pola noitiña. A base do campamento será o colexio Salesianos. O campamento é gratuíto, e a inscrición pódese realizar por internet ou no local da asociación

Na presentación do campamento, o xerente de Amencer, Xulio César Iglesias, explicou que “desde hai 27 veráns de forma ininterrompida convidamos a rapazada e a mocidade de Ourense a pasar uns días xuntos, a descubrir a cidade, a coñecer novos amigos, a divertirse e aprender elementos que son da vida mesma, como a cidadanía, a solidarirdade ou a sociabilidade”.

O director, Javier Carballo detallou que este ano o campamento estenderase durante 3 semanas, xa que comezará un xoves, día 1, e rematará o martes, día 13, e entre as súas novidades destaca que haberá 3 días de saídas: unha delas á praia e outras dúas a concellos da contorna, “para desfrutar da natureza e das piscinas, e refrescarnos, que boa falta fai”, manifestou.

Pola súa banda, a concelleira de Xuventude, Tamara Silva, quixo poñer en valor o “grande labor” que realiza a asociación Amencer con este campamento: “todo o mundo ten como referencia o campamento urbano en canto chega o verán. Hai moi poucos nenos que non pasen por el ou que non o coñezan. No campamento descobren unha cidade diferente, ademais de coñecer xente nova, desfrutan do tempo de lecer de verán e lle sacan o máximo partido”, asegurou.

Información e inscricións

Durante estes días, a organización desenvolve unha campaña informativa por toda a cidade, repartindo material sobre o Campamento Urbano para que chegue a información ao máximo número de rapaces e rapazas da nosa cidade. Voluntarios e voluntarias de Amencer buscan tamén patrocinadores para o campamento e destacan que cada ano máis de 100 pequenas empresas e comercios ourensáns colaboran para que poida levarse a cabo.

A organización quere lembrar a todos os interesados que para participar é obrigatorio inscribirse antes, a través da páxina web de Amencer ou no propio local da asociación, na Praza Don Bosco 1, baixo (no colexio Salesianos) en horario de mañá, de 9.00 a 15.00 horas. Para recibir máis información, poden contactar coa organización por teléfono (988218123), a través do correo electrónico amencer@amencer.org, na web ou no propio local da asociación.

0.1615879535675