O Campo de Oira acolle este xoves un partido benéfico contra o Cancro de Mama
O Campo de Oira acolle un ano máis o Partido Benéfico Contra o Cancro de Mama, organizado pola Asociación Española Contra o Cancro en Ourense. O partido desputarase este xoves, 17 de outubro, ás 19.30 horas.
As xogadoras da EFF Rosalía e Mulleres de Ourense sairán ao campo co obxectivo recadar fondos para contribuír á loita contra o cancro de mama.
O cancro de mama en Ourense
No Hospital Universitario diagnostícase unha media de 200 novos casos anuais, a maioría cun diagnóstico precoz o que eleva as posibilidades de curación ao 90%, e moitas pacientes poden recibir o seu tratamento e consultas directamente nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras, máis preto da súa casa e evitando desprazamentos periódicos.
No que vai de ano cerca de seiscentos pacientes, na súa maioría mulleres, pero tamén hai homes, accederon a vía rápida de cancro de mama, que permite que axilizar a primeira consulta en caso de sospeita por parte do seu médico de cabeceira ou outros especialistas, nun máximo de dous días, o que adianta os prazos dos estudos diagnósticos e tratamento de ser preciso.
Jesús García Mata, xefe de servicio de Oncoloxía resalta que “o traballo en equipo é clave, e por elo os profesionais directamente implicados no seu diagnóstico e tratamento desde os servizos e unidades de Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Unidade de Radiodiagnóstico de Mama, Unidade de Cirurxía de Mama, Anatomía Patolóxica, Medicina Nuclear e Farmacia do Hospital Universitario de Ourense queremos enviar unha mensaxe de esperanza e tranquilidade ás mulleres que afrontan este proceso asistencial para o que o Servizo Galego de Saúde conta na actualidade cos medios para tratalo rápida e eficazmente”.