O Campus Auga completa o seu novo modelo de gobernanza

OurenseXa
O proxecto de especialización do campus de Ourense vén de constituir dous novos comités consultivos co fin de garantir o correcto cumprimento dos obxectivos do campus
Campus_Auga_Ourense
Campus Auga, Ourense
13 Feb 2025

O proxecto de especialización do campus de Ourense, o Campus Auga, completou esta semana a posta en marcha do seu novo modelo de gobernanza tras a súa acreditación por parte da Xunta de Galicia. Se o pasado mes de novembro constituíuse o seu novo órgano de goberno, o seu Consello Reitor, esta semana foi a quenda dos seus órganos consultivos: un Comité de Persoas Expertas e un Comité Socio-Empresarial.

O papel destes dous novos órganos, segundo informan dende o campus, é o de asesorar ao citado Consello Reitor do Campus Auga e participar en diferentes comisións e iniciativas súas. De xeito específico teñen como obxectivo actuar como “garantes do correcto cumprimento dos obxectivos e accións propostas no desenvolvemento da estratexia do Campus Auga”. A súa constitución celebrouse esta semana coa participación de Manuel Reigosa, reitor da UVigo; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense, e Roberto Ignacio Fernández, director do Campus Auga. O Comité de Persoas Expertas constituíse de xeito virtual, tendo en conta a dispersión xeográfica das e dos seus membros, e o Comité Socio-Empresarial de xeito presencial, no edificio Campus Auga.

O Comité de Persoas Expertas, explican dende a UVIgo, está integrado por profesionais de recoñecido prestixio nos ámbitos científicos das temáticas do Campus Auga, como son a alimentación funcional; agricultura e medio ambiente e xestión da auga. Concretamente, está formado por Lilian Bouçada de Barrros, do Instituto Politécnico de Bragança, en Portugal; Raúl Zornoza Belmonte, da Universidad Politécnica de Cartagena; Francesco Sindico, da University of Strathclyde de Glasgow (Reino Unido); Seid Mahdi Jafari, da Gorgan University of Agricultural Sciences and Natural Resources, de Irán; Fabrizio Araniti, da Universitá degli Studi di Milano, de Italia; Ana Rodríguez-Mateos, do Kings College London, de Reino Unido, e Juan J. Gestal Otero, Felipe Macías Vázquez e Juan M. Lema Rodicio, os tres da Universidade de Santiago de Compostela. Elas e eles terán, entre as súas funcións participar en diferentes comisións do Campus Auga e na elaboración do seguinte plan estratéxico deste proxecto de especialización.

Pola súa banda, o novo Comité Socio-Empresarial agrupa a asociacións empresariais e empresas, clústeres e sector público relacionados igualmente coas temáticas do Campus Auga. Así, forman parte del a Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal); a Área de Turismo Termal da Xunta de Galicia; o Clúster da Auga Mineral e Termal de Galicia (Auga de Galicia); o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga); o Clúster Galego de Solucións Ambientais e Economía Circular (Viratec); o Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico en Ourense-Inorde (Deputación de Ourense); o Grupo Caldaria; o Grupo Cuevas; Cooperativas Ourensanas, S. Coop. Galega e Bodegas Gallegas. Entre as súas funcións estarán, ademais de participar tamén na elaboración do seguinte plan estratéxico do Campus Auga, aspectos como contribuír a potenciar a empregabilidade das persoas egresadas en temáticas relacionadas con este proxecto.

0.15565204620361