O Campus Auga reunirá a novos investigadores no seu primeiro Congreso Transnacional

OurenseXa
O I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi’25) terá lugar do 24 ao 25 de setembro
Campus_Auga_Ourense
Campus Auga, Ourense
5 Jul 2025

Os vindeiros 24 e 25 de setembro, o edificio Politécnico do campus de Ourense acollerá o I Congreso Transnacional do Campus Auga da Xuventude Investigadora (Aquaxi’25), unha cita que se presenta “co propósito de ofrecer un espazo de diálogo e difusión de resultados de investigación, promovendo o intercambio de coñecementos, a aprendizaxe compartida e a creación de redes de colaboración entre a nova xeración científica”.

Impulsado polo Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense acreditado e financiado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia, Aquaxi’25 conta cun comité organizador formado por investigadoras e investigadores de distintas disciplinas vinculadas a este campus, así como cun comité científico composto por persoal investigador de Galicia e do norte de Portugal. Desta forma, o encontro mantén o compromiso do Campus Auga co ámbito eurorrexional.

O congreso está dirixido principalmente a investigadores en formación, tanto en fase predoutoral como posdoutoral, aínda que tamén abre as portas a persoas cunha traxectoria consolidada que queiran achegar coñecemento e experiencia. Para elas, Aquaxi’25 supón “unha oportunidade valiosa para presentar traballos nun ambiente accesible e enriquecedor, favorecendo tanto o desenvolvemento profesional como o crecemento persoal das persoas participantes”.

Baixo o lema 'Novos retos en alimentación, agricultura, medio ambiente e augas termais', esta primeira edición estrutúrase en tres grandes liñas de traballo. A primeira céntrase na alimentación funcional, abordando cuestións como a produción sostible, a valorización de subprodutos, a biotecnoloxía alimentaria, a trazabilidade e calidade dos alimentos ou os produtos nutracéuticos. A segunda liña temática aborda a agricultura e o medio ambiente, con temas como a saúde do solo, os servizos ecosistémicos, a agricultura de conservación, rexenerativa ou intelixente. A terceira aposta pola xestión da auga termal, explorando tanto a administración dos seus recursos como os seus usos indirectos e recreativos. Estes tres ámbitos contarán ademais co apoio de áreas transversais como a intelixencia artificial, a economía circular e a lexislación agroalimentaria e ambiental.

As persoas interesadas en participar teñen de prazo ata o 31 de xullo para presentar resumos de comunicacións orais ou pósters. A inscrición poderá formalizarse ata o 31 de agosto. Co obxectivo de poñer en valor o traballo das e dos investigadores máis novos, a organización entregará premios ao mellor póster, comunicación oral e idea innovadora, así como tres recoñecementos aos mellores traballos predoutorais, un por cada liña principal do congreso.

⚙ Configurar cookies
0.28946900367737