O campus de Ourense aborda a atención ao alumnado vulnerable
Representantes da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e da nova Área de Diversidade da Universidade de Vigo reuníronse este mércores en Santiago de Compostela con Jacobo José Rey, director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia. No encontro, tiveron a oportunidade de presentarlle liñas de acción que desenvolven en relación á diversidade e proxectos de futuro a este respecto, dedicando especial atención ás necesidades de alumnado procedente do sistema de protección.
Artellar unha estratexia específica
Por parte de Educación e Traballo Social estiveron Isabel Mociño e Deibe Fernández Simo, decana e vicedecano do centro, e pola Área de Diversidade, a súa directora, Raquel Rey Vilas. Os responsables da facultade explicaron á Dirección Xeral o plan estratéxico do centro que, lembraron, establece entre as súas liñas estratéxicas definir e poñer en marcha unha política integrada de responsabilidade social en relación coa atención á diversidade e impulsar accións conxuntas con entidades da contorna especializadas en atención á diversidade. Así, indicaron, entre outros aspectos “a facultade proponse establecer mecanismos de resposta específica para a atención ás necesidades socioeducativas do noso alumnado procedente do sistema de protección. Investigacións propias veñen evidenciando a pertinencia de artellar unha estratexia específica de atención a este colectivo que favoreza a súa inserción académica”.
Na reunión, sinalan desde a Facultade de Educación e Traballo Social, “valorouse positivamente a posibilidade de analizar propostas de resposta compartida que faciliten unha atención eficaz ao alumnado da nosa facultade que nalgún momento do seu itinerario vital tivo aberto un expediente de protección”. Neste senso, indican que o centro está “avanzando no deseño dunha iniciativa piloto, utilizando como base as evidencias de investigacións realizadas por equipos da propia facultade, coa intención de, no curso 2025/2026, pór en marcha unha estratexia innovadora pioneira na atención ao alumnado universitario con medida administrativa de protección”.
Segundo explica Raquel Rey, dende a Área de Diversidade "percíbese o requirimento de avanzar cara un apoio máis especializado na inclusión da xuventude en dificultade social na nosa institución”, tomando como referente o Plan Estratéxico da Universidade de Vigo no que se formula unha política integradora de responsabilidade social que, entre outros aspectos, engloba a atención á diversidade. En consonancia con isto, engade, a Área de Diversidade, “apostando pola creación de espazos e programas de apoio para a inclusión e non-discriminación do colectivo pertencente ao servizo de protección, considera indispensable a participación e colaboración coa administración autonómica para a realización destes proxectos, innovadores e precursores” e “encamiñados a evolucionar no proceso de acompañamento socioeducativo deste colectivo”. Da xuntanza, Raquel Rey subliña por último a “boa vontade por traballar en rede para postular unha resposta máis ampla ante esta diversidade" amosada por todas as partes.