O campus de Ourense abre as inscricións para a primeira ruta cultural de 2026

Este sábado, 28 de febreiro, arranca a programación de rutas culturais organizada pola Universidade de Vigo para o segundo cuadrimestre do curso. A primeira saída, promovida pola Área de Benestar, Saúde e Deporte, levará aos participantes ás fragas dos ríos Calvo e Deva, na Cañiza, nun percorrido de dificultade media debido a un desnivel acumulado de arredor de 500 metros. A organización destaca a beleza natural que se poderá contemplar ao longo do roteiro.
A inscrición está aberta a persoas de fóra da comunidade universiaria durante este martes, mércores e xoves, ata esgotar as prazas. O custo da actividade varía segundo o vínculo co campus, e cada ruta completada permitirá obter 7,5 horas ECTS por día de participación. Ademais, a organización ofrece transporte en autobús desde os tres campus da UVigo.
Desde o campus animan a participar non só pola oportunidade de coñecer diferentes espazos naturais de Galicia, senón tamén polo ambiente social que acompaña estas saídas.
Esta primeira andaina dá inicio a unha programación que incluirá catro rutas máis neste segundo cuadrimestre: o 14 de marzo a Ruta Portela do Homem, Corgada Fecha e fronteira con Portugal en Lobios; o 28 de marzo un percorrido por San Mamede; o 11 de abril unha ruta polo río Gorgua en Padrenda; e o 25 de abril unha saída circular por Porto do Son e Castro de Baroña.