O campus de Ourense acolle un congreso internacional sobre filosofía

OurenseXa
O "I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI" reúne a importantes pensadores de España e Portugal
congreso-filosofia-uvigo
I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI
24 Apr 2024

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acolle este mércores e xoves a celebración do I Congreso internacional sobre as diferenzas: filosofía, cultura e educación nas sociedades do século XXI, organizado polo grupo de investigación Ontoloxías da Diferenza. Fundamentos Teóricos e Repercusións Prácticas. Nel, pensadores de España e Portugal reflexionan sobre multiculturalismo, educación moral, a discusión entre a humanidade e as distintas intelixencias artificiais e as novas formas de pedagoxía, sinalan dende a UVigo.

O congreso está dirixido polos profesores da Universidade de Vigo Abraham Rubín, da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense, e Brais González, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte do campus de Pontevedra.

O seu obxectivo é traballar a nivel interdisciplinar e da man de especialistas das universidades españolas de Vigo, Santiago de Compostela, Complutense de Madrid, UNED e Pompeu Fabra e das lusas de Minho, Braga, Évora e Coimbra, as repercusións que os distintos tratamentos sobre a cuestión da diferenza poden ter no ámbito da filosofía, a educación e a sociedade. A organización deste congreso na Facultade de Educación e Traballo Social, busca, tal e como indican os seus promotores, “pór de relevo a importancia da filosofía na educación, fundamental para dotar a futuros mestres e mestras de coñecementos, habilidades e ferramentas para o cultivo do pensamento crítico, tanto neles mesmos como no seu futuro alumnado”.

A programación deseñada busca ofrecer ao público asistente “unha aproximación á cuestión da diferenza desde unha óptica filosófica, que conflúa nas diversas problemáticas sociais, culturais e educacionais que definen o noso presente”. Hoxe, máis que nunca, subliñan os responsables do congreso, “imponse unha reflexión que conduza ao recoñecemento do outro, aquilo que, na súa diferenza, ou grazas a ela, enriquece e complementa o que nos constitúe, ou ben cuestiona e se mantén nas marxes de condutas, valores ou ideas que son predominantes”. Os investigadores da UVigo lembran que “da reflexión sobre a diferenza poden emerxer formas de pensamento alternativas capaces de representar a aquelas que dunha ou doutra maneira foron repudiadas ou silenciadas no devir da cultura hexemónica”.

 


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17404103279114