O campus de Ourense acolle un novo grupo de investigación educativa
O campus de Ourense conta cun novo grupo de investigación chamado RITME, siglas que corresponden á denominación Reflexión, Innovación, Transferencia e Mellora Educativa. O seu obxectivo é abordar diversos aspectos da investigación educativa co fin de reflexionar e mellorar as prácticas escolares desde diferentes enfoques, que inclúen unha ollada interdisciplinar dende a didáctica, a literatura, a matemática e a tecnoloxía educativa.
O grupo está adscrito á Facultade de Educación e Traballo Social e ao Departamento de Didáctica, Organización Escolar e Métodos de Investigación en Educación da Universidade de Vigo. Os seus compoñentes son o persoal docente e investigador María Ainoa Zabalza, Isabel Mociño, Abraham Bernárdez, Almudena Alonso, Carla María Míguez e Marcos Loureiro. Coa creación deste grupo, as e os seus membros dan un paso máis no traballo conxunto, tanto en proxectos como en publicacións e comunicacións, que xa viñan realizando.
"RITME", sinalan as e os investigadores participantes, pretende promover entre profesorado e alumnado “a reflexión conxunta sobre o traballo baseado nas boas prácticas educativas, no eido da innovación e na mellora docente, desenvolvendo propostas de innovación educativa a través do emprego de metodoloxías activas”. Entre os seus obxectivos tamén está “dar a coñecer e divulgar as innovacións docentes coa sociedade, na procura dunha maior transferencia e impacto”.