O campus de Ourense acolle unha mostra sobre igualdade
Desde o pasado mércores, 27 de novembro, e ata o 31 de xaneiro de 2025, os exteriores do Edificio de Ferro do campus de Ourense acollen "Compartir é Vivir/Sharing is Living. Compromiso-Educación-Transformación", unha exposición que celebra o papel das mulleres artistas e dá visibilidade á loita contra a violencia de xénero.
Esta iniciativa enmárcase nas xornadas “Dixitalización do sistema prostitucional: transformación e deslocalización”, organizadas na Facultade de Educación e Traballo Social como parte das actividades conmemorativas do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller. Estas xornadas, que se celebraron o luns 25 e o propio mércores 27, foron impulsadas polo Grupo de Investigación Saúde, Sexualidade e Xénero (PT1) e a Unidade de Igualdade da UVigo, con financiamento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a Xunta de Galicia.
Durante a inauguración da mostra, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou a importancia de acoller este tipo de proxectos nun entorno universitario que históricamente mostrou o seu compromiso coa igualdade e promoveu a transformación social a través da educación.
Unha proposta artística internacional con obras de seis países
A exposición está comisariada por Yolanda Herranz e Celeste Garrido, quen explicaron que se enmarca nas actividades de La Colectiva Portal de Igualdade, un colectivo que promove a igualdade desde o arte. Ademais, conta co apoio da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.
Segundo as súas organizadoras, a mostra é “un proxecto artístico internacional que xa foi exposto en museos de varios países e que, tras o seu paso por Ourense, continuará o seu itinerario en outras cidades.” Os seus piares son a reflexión sobre a identidade, a desigualdade, a violencia e a convivencia; o compromiso con estas temáticas e a acción-intervención artística. “Este proxecto lanza un mensaje de esperanza: a aspiración humana dunha convivencia en paz,” destacaron as comisarias.
Composta por obras deseñadas especificamente para o espazo público urbano, "Compartir é Vivir" reúne os traballos de 15 artistas procedentes de seis países: Brasil, Colombia, España, Estados Unidos, Guatemala e México. Entre os nomes destacados figuran Guerrilla Girls, Yolanda Herranz, Regina José Galindo, Celeste Garrido, Beth Moysés, Mau Monleón, Elina Chauvet, Mar Caldas, Bia Santos, Manola Roig, Lorena Wolffer, Samuel Gallastegui, Patricia Glauser, Alissia (Mª Penalva-Leal) e Lilian Amaral.
A exposición está organizada en 15 dípticos que combinan o compromiso artístico cunha poderosa carga social, converténdose nunha ferramenta de sensibilización sobre temas que afectan a mulleres de todo o mundo.