O campus de Ourense acolle XIV edición do curso 'Pensar o Cinema'

OurenseXa
Estas xornadas levan máis dunha década funcionando como un ciclo de cine, análise e debate
XIV curso 'Pensar o Cinema'
XIV curso 'Pensar o Cinema'
23 Oct 2024

O Campus de Ourense vén de poner en marcha a XIV edición do curso 'Pensar o Cinema'. Como en anos anteriores, esta iniciativa, que ten lugar na Facultade de Dereito do campus de Ourense e a través do Campus Remoto da UVigo, combina proxeccións, intervencións de expertos e debates sobre temas actuais e controvertidos.

Este ano, o enfoque está na representación audiovisual das mulleres como bonecas. A dirección académica do curso está a cargo do seu creador e responsable, o catedrático de Filosofía do Dereito da Universidade de Vigo Pablo Bonorino, mentres que a coordinación corresponde a Claudia Robles e Teresa Roa. En canto ao financiamento, conta co apoio da Facultade de Dereito, a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, a Xunta de Galicia e AGAF. “Estas xornadas levan máis dunha década funcionando como un ciclo de cine, análise e debate”, sinala Pablo Bonorino. Ano tras ano, os futuros xuristas que se forman no campus de Ourense teñen a oportunidade de achegarse a diferentes problemáticas desde unha perspectiva crítica.

Nesta edición, indica o seu responsable, “proxectaranse filmes relacionados coa temática da representación das mulleres como bonecas no cine, cuestión que ten suscitado un renovado interese polo éxito obtido pola película Barbie”.
Concretamente, as dúas obras elixidas son ‘Air Doll’ (2009), do director Koreeda Hirokazu, e ‘Superstar: The Karen Carpenter Story’ (1988), do director Todd Haynes.
A programación deste ano arrancou o pasado 18 de outubro cunha sesión centrada en Air Doll e continuará o día 25 con outra dedicada a Superstar: The Karen Carpenter Story. Como peche, o 7 de novembro celebrarase unha xornada na que María Concepción Gimeno (Universidad de León) falará sobre ‘Airdoll. Bonecas sexuais e imaxes da muller’ e Marta León Alonso (Universidad de Salamanca) sobre ‘Superstar: The Karen Carpenter Story. A boneca como ideal feminino’. Seguiralle unha mesa redonda na que se debaterá sobre se Barbie é unha película feminista ou non, participando, ademais das convidadas, María Lameiras e Xosé Manuel Pacho (Universidade de Vigo) e José Antonio Sendín (Universidad de Salamanca).

0.16611289978027