O campus de Ourense bate récords de novas matriculacións para o curso 2024-2025

OurenseXa
En canto aos graos, os máis solicitados foron Relacións Internacionais e o PCEO Informática e ADE, mentres que o nos mestrados, o de Enxeñaría Aeronáutica é o que máis matriculacións acumula
Escola de Enxeñería Aeroespacial do Campus de Ourense
Campus de Ourense
11 Dec 2024

A UVigo bate récords de novas matriculacións no curso 2024-2025, cunha taxa total do 105% nas prazas de novo ingreso nos 68 graos ofertados pola universidade.

En total, a institución académica ofreceu 3836 prazas e cubríronse 4011 (2118 mulleres e 1893 homes).  No caso do campus de Ourense, a porcentaxe de matriculacións de novo ingreso sitúase no 103%, unhas cifras que segundo a universidade consolidan unha subida continuada da matrícula e nas taxas de ocupación nas prazas de grao de novo ingreso nos últimos anos.

Dende a UVigo destacan que o 91% do estudantado matriculado é de Galicia, “o que creo que reflicte que aquí lles ofrecemos a docencia e a vida universitaria que queren”.

No campus de Ourense os graos que acadaron maior taxa foron Relacións Internacionais e o PCEO Informática e Administración e Dirección de Empresas cun 150%; Dereito cun 134% e o PCEO Administración de Dirección de Empresas e Dereito cun 125%. Pola súa banda, as titulacións con menor taxa de ocupación foron Turismo cun 51%; Ciencias Ambientais cun 56% e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos cun 62%.

En canto aos mestrados de novo ingreso, as matriculacións sitúanse no  79%, o que equivale a dicir que se cubriron 1368 (789 mulleres e 579 homes) das 1733 prazas ofertas este curso en toda a UVigo. Por campus, en Ourense a taxa de ocupación foi do 82% co Mestrado en Enxeñaría Aeronáutica cun 105% en primeira posición, seguido de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade cun 100%.

⚙ Configurar cookies
0.33836388587952