O campus de Ourense busca a colaboración entre as universidades e o terceiro sector

OurenseXa
O Edificio de Ferro acolleu esta semana a primeira edición Foro Galego Universidade-Terceiro Sector, na que participaron un total de 22 entidades
Edificio-de-ferro-campuss-ourense-recurso
Edificio de Ferro, campus de Ourense
23 Feb 2025

Esta semana, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense celebrou o Foro Galego Universidade-Terceiro Sector, un evento que busca ser un punto de encontro entre a comunidade académica e as organizacións da economía social que traballan na inclusión de colectivos vulnerables en Galicia. Desde a súa organización, destacou a positiva acollida desta primeira edición, que contou coa participación de 22 entidades do terceiro sector e numerosos profesionais do ámbito.

Durante a inauguración, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, subliñou que tanto o campus como a Universidade de Vigo teñen entre as súas principais misións “non só garantir o acceso á educación superior dos colectivos vulnerables, senón tamén xerar contornas inclusivas, promover o coñecemento en favor da equidade e colaborar activamente na transformación social”. Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social da Xunta de Galicia, resaltou o “excelente” papel do terceiro sector na atención social e na cohesión social en Galicia.

Isabel Mociño e Jesús Deibe Fernández-Simo, decana e vicedecano da Facultade de Educación e Traballo Social, e Carmen Verde, coordinadora do Grao en Traballo Social, tamén fixeron fincapé na relevancia de crear espazos como este foro, que facilitan a colaboración entre a academia, a profesión e a sociedade. Subliñaron que este tipo de iniciativas contribúen a ofrecer aos futuros profesionais de Educación Social e Traballo Social unha formación máis sólida e ampla, cunha visión global dos problemas sociais que deberán abordar.

O obxectivo principal deste foro foi “establecer sinerxías de colaboración que melloren a eficiencia nos procesos de acompañamento ás persoas en situación de vulnerabilidade social”. Durante a xornada trataron temas como estratexias de investigación no ámbito da inclusión, proxectos de aprendizaxe-servizo no terceiro sector, o fortalecemento da formación universitaria dos profesionais da educación e do traballo social, e outras posibles vías de colaboración entre a universidade e as organizacións do terceiro sector en Galicia.

A programación comezou cunha conferencia sobre o aprendizaxe-servizo (APS) como ferramenta de impacto social positivo, a cargo de Susana Pérez, coordinadora do Grupo Galego de APS. A continuación, Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego da Universidade de Vigo, presentou a iniciativa Colmea de Ideas, un programa de innovación aberta para a incorporación de talento ás organizacións. Posteriormente, celebrouse unha mesa redonda sobre a colaboración entre a universidade e o terceiro sector, coa participación de Nerea Rivero, da Rede Galega contra a Pobreza; Mónica Viqueira, da Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia, e Javier Hermida, da Federación Alzhéimer Galicia.

Para fomentar o diálogo entre os participantes, a xornada tamén incluiu grupos de traballo nos que se reflexionou e se fixeron propostas para accións conxuntas entre a universidade e o terceiro sector. A actividade rematou cunha posta en común das conclusións e a idea de continuar con esta iniciativa en futuras edicións.

0.15490102767944