O campus de Ourense celebrará un obradoiro sobre a figura do patriarcado nos medios de comunicación

O mércores 14 de maio, entre as 16.00 e as 19.00 horas, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense acollerá unha xornada centrada na análise crítica dos discursos patriarcais presentes nos medios de comunicación máis influentes, así como na exploración de ferramentas feministas para cuestionalos e transformalos. A proposta leva por título Narrativas feministas: deconstruíndo o patriarcado nos medios mainstream.
A iniciativa está coordinada por Yolanda García, docente da facultade e investigadora do Grupo Saúde, Sexualidade e Xénero. Conta co apoio das traballadoras sociais e activistas feministas Sandra Lorenzo e Victoria Reinoso, cunha ampla traxectoria no ámbito da loita contra a violencia de xénero e os dereitos reprodutivos, tanto no contexto galego como internacional. O financiamento corre a cargo da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, cuxa directora, Yolanda Rodríguez, participará na apertura.
A programación desenvolverase no salón de graos do Edificio de Ferro. A sesión iniciarase cunha intervención da xornalista Charo Lopes, especializada en proxectos culturais con perspectiva de xénero, que abordará o papel dos medios na reprodución de estereotipos e dinámicas patriarcais. A continuación, celebrarase un taller participativo orientado ao alumnado, co obxectivo de fomentar unha mirada crítica sobre a representación das mulleres, a violencia machista e as respostas feministas nos medios convencionais.
Dividido en tres partes, o obradoiro incluirá unha introdución teórica ao tratamento mediático da violencia de xénero, unha dinámica de creación de contidos feministas (como tweets ou posts), e unha acción final colaborativa: a redacción dun Manifesto feminista universitario.
A actividade é gratuíta e non require inscrición previa. Está especialmente dirixida ao alumnado das titulacións da facultade, pero tamén está aberta a outras persoas interesadas na relación entre comunicación e xénero desde unha perspectiva crítica e transformadora.