O Campus de Ourense celebrou o Día de Rosalía cunha actividade sobre a voz feminina na literatura galega

Este venres, a Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense conmemorou o Día de Rosalía de Castro, que se celebra cada 23 de febreiro en homenaxe ao nacemento da escritora galega. Para iso, organizou unha actividade titulada "De Rosalía ás cantareiras: as letras galegas con voz de muller", na que participou o seu alumnado coa colaboración do profesorado do centro.
O acto comezou cunha benvida a cargo de Isabel Mociño, decana da facultade, quen destacou a figura de Rosalía de Castro como "unha muller referente". Nun panorama literario global onde "case sempre os referentes son masculinos", mencionando a Cervantes en castelán ou a Shakespeare en inglés, Mociño puxo en valor que o galego sexa "un dos poucos sistemas literarios de Europa que ten como autora fundacional da súa literatura moderna a unha muller". Neste contexto, subliñou a importancia de dedicar un día á escritora e sinalou que esta actividade representaba "unha forma de recoñecérmonos nun legado e nunha figura que pensou no seu pobo desde unha perspectiva crítica e reivindicativa, coa vontade de cambiar as cousas".
A continuación, procedeuse á lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega polo Día de Rosalía de Castro 2025, que nesta ocasión foi redactado por Marga do Val. A encargada de lelo foi a docente do campus Mercedes González.
O acto central da xornada foi un obradoiro de voz titulado "Canto e emocións: poesía popular oral galega", dirixido pola profesora Lucía Casal. Na súa intervención, abordou a relación entre a voz, o canto e a xestión emocional. "A voz é o reflexo de quen somos, da nosa personalidade", explicou, engadindo que "o canto pode axudarnos a resolver problemas tanto físicos como emocionais e psicolóxicos". Por este motivo, animou a todos os asistentes a "atreverse a cantar nalgún momento".
O obradoiro tamén contou coa participación de alumnas do Programa Universitario para Maiores do campus, que realizaran unha pequena investigación sobre a presenza e o uso da palabra "voz" na obra Cantares Gallegos de Rosalía de Castro.