O campus de Ourense inicia o ciclo de cine 'Miradas Transformadoras'

OurenseXa
As sesións comezan este martes ás 18.00 horas coa proxección da película Mi amor, de Maïwenn Le Besco (2023), sobre a violencia de xénero
Cartaz-miradas-transformadoras
Cartaz do Ciclo de Cine 'Miradas Transformadoras'
3 Dec 2024

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense será o escenario este mes de decembro do ciclo Miradas Transformadoras: Cine e Xustiza Social. Este programa estará composto por tres sesións, que se levarán a cabo os días 3, 10 e 17, combinando a proxección dunha película cun coloquio-debate no que participará unha persoa especialista na temática tratada.

A iniciativa está impulsada por alumnado do Programa de Doutoramento en Xestión e Resolución de Conflitos: Menores, Familia e Xustiza Terapéutica, concretamente por Clara Grech, Santiago Abal, Jennifer Rodríguez e Antía López. Ademais, forma parte das actividades seleccionadas na convocatoria de Actividades Extraacadémicas e de Difusión Cultural da Vicerreitoría de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo. Os obxectivos do ciclo inclúen a promoción de valores como a igualdade, a inclusión e a xustiza social, así como o fomento da reflexión crítica sobre a inclusión social e a educación. Tamén busca fortalecer o compromiso social e ético dos futuros profesionais en contextos educativos e sociais, ao tempo que se crea un espazo para o intercambio de ideas e experiencias.

Tres sesións programadas

As sesións, con entrada libre, realizaranse na aula 3.2 do Edificio de Ferro do campus ás 18.00 horas. A primeira, programada para este martes, 3 de decembro, incluirá a proxección da película Mi amor, de Maïwenn Le Besco (2023), e tratará a temática da violencia de xénero. No debate participará María José Vázquez, profesora da Área de Psicoloxía Básica da UVigo.

A segunda sesión, que terá lugar o 10 de decembro, presentará Diarios de la calle, de Richard LaGravenese (2007). Nesta ocasión, o foco será a inclusión social a través da educación, e o coloquio contará coa participación de Breogán Riobóo, traballador social e docente.

O ciclo concluirá o 17 de decembro coa película How to have sex, de Molly Manning Walker (2023). O debate final tratará sobre pornografía e xustiza social, explorando o camiño cara a unha educación sexual efectiva. Nesta mesa redonda estará presente Ricardo Fandiño, psicólogo e presidente da Asociación para a Saúde Emocional na Infancia e a Adolescencia.

0.16978693008423