O Campus de Ourense inicia o curso con máis de mil estudantes de novo ingreso

O Campus de Ourense da Universidade de Vigo deu inicio este luns ao curso académico 2025/2026, cun total de 1.027 estudantes matriculados nas 1.015 prazas de grao ofertadas.
En termos xerais, a Universidade de Vigo rexistrou unhas “magníficas” cifras de matrícula en todos os seus campus (Ourense, Vigo e Pontevedra), segundo destacou o reitor, Manuel Reigosa, cun total de 3.869 estudantes matriculados nas 3.752 prazas de grao ofertadas.
No caso de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus, destaca “temos case todas as titulacións cheas, nalgúns casos incluso con máis alumnado do que lle correspondería, e agardamos estar á altura desta boa acollida ofrecendo unha docencia de calidade, que é a que fai que cada ano moitos estudantes de fóra da cidade e da provincia nos elixan para facer os seus estudos universitarios”.
Este curso, o campus de Ourense incorpora tres novos programas de dobres graos: Grao en Enxeñaría Agraria e Grao en Ciencias Ambientais; Grao en Enxeñaría Agraria e Grao en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos; e Grao en Enxeñaría Informática e Grao en Intelixencia Artificial. Ademais, estrease o Mestrado en Economía Circular.