O campus de Ourense lidera un proxecto europeo para desenvolver proteínas novidosas a partir de fontes mariñas

OurenseXa
Segundo os investigadores, isto permitirá xerar "nova biomasa proteica microbiana que cumpra cos requisitos do mercado en alimentos, pensos e produtos non alimentarios, como farmacéuticos e cosméticos"
Investigadores do proxecto Promiseang
Investigadores do proxecto Promiseang
30 Nov 2024

O campus de Ourense acolleu unha xuntanza do proxecto europeo Promiseang, centrado no desenvolvemento de proteínas innovadoras a partir de biomasa procedente de fontes mariñas pouco explotadas.

No encontro, celebrado este venres, participaron once entidades de cinco países europeos, entre elas a Universidade de Vigo, que lidera a iniciativa.

Promiseang arrancou en setembro de 2023 e está previsto que remate en agosto de 2027. Conta con financiamento da Circular Bio-based Europe Joint Undertaking, da Unión Europea. Ademais da Universidade de Vigo, participan no proxecto o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Conservas Rianxeira SA, Contactica SL, Moa Biotech SL, o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía, a Associação do Instituto Superior Técnico para a Investigação e Desenvolvimento, Biozoon Food Innovations Gmbh, Centiv Gmbh, o Prof. Waclaw Dabrowski Institute of Agriculture and Food Biotechnology e a University of Veterinary Medicine Budapest. Durante a reunión en Ourense, cada socio presentou o estado do seu traballo e os seguintes pasos a seguir.

Aproveitamento de recursos

O obxectivo do proxecto é desenvolver proteínas novidosas a partir de fontes mariñas pouco utilizadas, como invertebrados mariños, macroalgas, descartes e residuos industriais, mediante fermentación con fungos, lévedos ou bacterias. Segundo os organizadores, isto permitirá xerar "nova biomasa proteica microbiana que cumpra cos requisitos do mercado en alimentos, pensos e produtos non alimentarios, como farmacéuticos e cosméticos".

Ademais, Promiseang pretende demostrar a viabilidade técnica e económica dunha biorrefinería para producir proteínas microbianas, garantindo altos rendementos, tempos e custos de produción reducidos, un impacto ambiental mínimo e unha maior dispoñibilidade de proteínas na Unión Europea. Adoptando un enfoque de cero residuos, tamén se propón recuperar e sintetizar compostos e moléculas bioactivas non proteicas para aplicacións en alimentos, pensos e produtos non alimentarios.

Resultados agardados

Entre os principais obxectivos de Promiseang atópase a identificación de fontes de proteínas pouco aproveitadas, analizando os perfís nutricionais e metabólicos de máis de 30 tipos de residuos biolóxicos mariños. Así mesmo, a iniciativa busca extrapolar estes achados a outros tipos de residuos alimentarios, fomentando novos procesos de fermentación de proteínas biolóxicas e reducindo o desperdicio alimentario.

En concreto, agárdase xerar máis de 30 formulacións e entregar, polo menos, catro prototipos de alimentos, cinco de pensos e tres de produtos non alimentarios.

0.16671705245972