O campus de Ourense oferta cinco cursos de verán
A Vicerreitoría do campus con financiamento da Deputación de Ourense, organizan este verán cinco cursos de extensión universitaria baixo o lema Ideas frescas!. Os cursos abranguen diversas temáticas, como a saúde mental da mocidade, o cinema galego, a historia e patrimonio de Ourense, a biodiversidade e a lingua de signos.
A principal novidade nesta edición, sinalan desde o Campus, é a celebración do curso Visibilización da importancia da saúde mental na mocidade, dirixido por María Teresa Barge, deputada de Xuventude e Igualdade de Ourense, e José María Faílde, profesor da Facultade de Educación e Traballo Social. “O obxectivo principal deste curso é explorar e visibilizar a importancia da saúde mental na mocidade. Pretende proporcionar ferramentas e coñecementos clave, como a identificación de factores de risco, a promoción da resiliencia e o autocoidado para comprender, previr e abordar os problemas relacionados coa saúde mental na mocidade”, explican desde a súa organización. A actividade será do 17 ao 25 de setembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel.
Asimesmo, como xa vén sendo habitual, terá lugar o o Curso de Medios Audiovisuais que se celebra en Celanova entre o 24 ao 28 de xuño e que nesta edición leva por título 20 Anos co cinema galego. Industria, cultura, identidade. Pola súa banda, no concello de Muíños terá lugar o curso Biodiversidade ambiental, retos e perspectivas, do 12 ao 14 de xuño.
Para completar a programación, o Edificio de Ferro do Campus de Ourense acollerá outros dous cursos. O primero deles terá lugar entre o 11 e o 14 de xuño, baixo o título Ourense no tempo: historia, arte e tradicións (II), no que afondarase na historia, arte, patrimonio e xeografía da provincia, cunha abordaxe multidisciplinar. Por último, entre o 15 e o 19 de xuño e o 22 ao 24 de xuño terá lugar o curso Iniciación á lingua de signos española, á comunidade e cultura xorda. Ferramentas socioeducativas inclusivas.
A matrícula está aberta aos membros da comunidade universitaria e á cidadanía en xeral e realízase a través do Campus Activo da Universidade de Vigo. Os cursos teñen entre 30 e 45 horas de duración e están recoñecidos cun crédito ECTS por cada 30 horas de traballo. O seu prezo oscila entre os 10 e os 30 euros, habendo diferentes descontos para colectivos vinculados coa institución académica. O número de prazas por curso varía entre as 20 e 25.