O Campus de Ourense promove a inclusión no centro penitenciario de Pereiro de Aguiar a través da lectura

A Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense e o Centro de Educación para Adultos do centro penitenciario de Pereiro de Aguiar colaboran nun proxecto conxunto para fomentar a inclusión mediante a lectura. Baixo o título 'Inclu-Con-Tándem: inclusión a través dos contos', a iniciativa une a estudantes universitarios e persoas privadas de liberdade en actividades educativas e culturais.
O proxecto, baseado na metodoloxía de aprendizaxe-servizo, permite ao alumnado aplicar os seus coñecementos nun contexto real, ao tempo que contribúe a mellorar a vida educativa dentro do centro penitenciario. Está coordinado por profesorado da materia de Literatura Infantil e ten como obxectivos promover unha educación inclusiva, reflexionar sobre a xustiza social e desenvolver propostas lectoras con sentido pedagóxico.
Durante os meses de marzo, abril e maio, estudantes do último curso do grao en Educación Primaria deseñaron actividades adaptadas ao alumnado da escola do centro penitenciario. Participaron arredor de vinte persoas internas, que asisten a clases de Primaria e, nunha das sesións, tamén participou o grupo de Secundaria.
Os libros seleccionados xiraron arredor da temática da inclusión. Traballouse con títulos como O libro negro das cores, A árbore vermella, Wonder e Terra de ninguén. As sesións incluíron dinámicas de lectura, xogos, debates e traballos en grupo. Desde a organización destacan a boa acollida do proxecto e o interese amosado polas persoas participantes, que nalgúns casos solicitaron os libros para seguir lendo.
Despois destas sesións, o proxecto continuará en xuño con novas propostas. Ademais, o alumnado universitario elaborará vídeos con recomendacións lectoras, e convidarase ás persoas do centro penitenciario a responder coas súas opinións mediante cartas ou textos anónimos.
Tanto a Facultade como o centro penitenciario valoran moi positivamente esta primeira edición e xa amosaron interese en repetila no vindeiro curso.