O campus de Ourense súmase á campaña "Espazos sen fume"

OurenseXa
A partir de agora, o espazo forma parte da iniciativa da Asociación Española Contra o Cancro para concienciar sobre os perigos do tabaco
campus-sen-fume
Imaxe do campus de Ourense
3 Oct 2025

Coincidindo coa celebración do Día das Universidades Saudables, o 3 de outubro, a Universidade de Vigo e a sede provincial en Ourense da Asociación Española Contra o Cancro (AECC) presentaron a adhesión do campus de Ourense á campaña de prevención “Espazos sen fume e aerosois”. A iniciativa lévase a cabo ao abeiro dun convenio de colaboración entre ambas entidades.

Durante a presentación, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, destacou que se trata “dunha iniciativa moi importante” e subliñou que foi aprobada polos diferentes colectivos do Consello de Campus. Ademais, con esta iniciativa, o campus anticípase ás prohibicións da nova lexislación do tabaco. Pola súa banda, Susana Reboreda, vicerreitora de Extensión Universitaria, expresou o desexo de estender esta campaña a todos os campus da institución, sinalando que se trata “dunha iniciativa a favor da saúde de todos e todas”.

Germán Rodríguez, responsable da sede provincial en Ourense da AECC, indicou que esta acción está en liña coa estratexia da asociación de concienciar e previr enfermidades. “Unha das partes fundamentais para evitar enfermidades no futuro é previr e nesta tarefa estamos intentando implicar a toda a sociedade civil”, lembrando que “o tabaco é o causante do 30% dos tumores”.

Como parte da campaña, colocáronse paneis informativos “Campus libre de fume. Non fumar, non vapear” en diferentes puntos do campus, desde entradas de edificios ata zonas verdes, onde tamén se indica como obter máis información sobre prevención do tabaco e do vapeo.

⚙ Configurar cookies
0.094974994659424