O campus de Ourense conmemora o 25N baixo o lema “Ante as violencias sexuais, nós avanzamos cara a igualdade”

Co lema “Ante as violencias sexuais, nós avanzamos cara a igualdade”, o campus de Ourense da Universidade de Vigo súmase ás reivindicacións contra a violencia machista no marco do 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Con este motivo, o campus acolleu este luns un acto institucional que serviu para renovar o compromiso da institución coa erradicación destas violencias e coa promoción da igualdade. A celebración tivo lugar no edificio Xurídico-Empresarial, onde participaron destacadas figuras da Universidade, entre elas o reitor Manuel Reigosa, a directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez, e representantes de distintas facultades e do propio campus, como Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor.
Tras a inauguración, desenvolveuse unha xornada centrada en comprender e combater as violencias sexuais. Na mañá, expertos como Maria José Magalhães, da Universidade do Porto, analizaron as resistencia feministas ante a opresión e violencia de xénero, mentres que Francisca Bernal, directora xeral de Igualdade da Universidade de Cádiz, presentou un diagnóstico sobre o acoso sexual e sexista na universidade e propuxo medidas de mellora.
Durante a sesión da tarde abordáronse aspectos vinculados á creación de espazos seguros para a investigación e o apoio ás vítimas. Participaron Esther Romero, que falou sobre masculinidades e violencias machistas no entorno dixital, e representantes da Fundación Solidaridade Amaranta e do Centro de Crise 24 horas de Ourense, que explicaron o seu traballo con mulleres afectadas. A actriz e psicopedagoga Iria Pinheiro completou a xornada cunha intervención artística titulada “Retrato dunha denuncia”. O peche musical correu a cargo de Su Garrido, quen presentou “Patios de Luz”, un proxecto musical que homenaxea a mulleres que merecen ser escoitadas.
Esta actividade forma parte dunha programación máis ampla da Universidade de Vigo que durante estas semanas inclúe xornadas, murais colaborativos e outras iniciativas en diferentes campus, destinadas a sensibilizar e mobilizar contra as violencias machistas, reforzando a aposta por unha comunidade universitaria máis igualitaria e libre de violencia.