O Campus formativo en igualdade laboral celebrado en Ourense rolda as 6.000 pesoas usuarias

OurenseXa
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, presentou en Ourense a xornada ‘A necesidade da linguaxe inclusiva para axudar a construír unha nova sociedade’
campus-igualdade
O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, na presentación da xornada ‘A necesidade da linguaxe inclusiva para axudar a construír unha nova sociedade’
9 May 2024

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, presentou na tarde deste mércores, 8 de maio, a xornada A necesidade da linguaxe inclusiva para axudar a construír unha nova sociedade, no marco do Campus formativo en igualdade laboral impulsado pola Xunta que rolda xa as 6.000 persoas usuarias. Desde a posta en marcha da iniciativa formativa en 2021, emitíronse preto de 9.000 certificados de aproveitamento de cursos e obradoiros, supoñendo os rexistrados o pasado 2023 máis do dobre dos contabilizados no primeiro ano de funcionamento.

O secretario xeral destacou a aposta decidida do Goberno galego por unha economía xusta e solidaria na que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades á hora de acceder ao mercado laboral. Nesa liña, englóbanse os cursos e talleres deste Campus, que inciden na igualdade laboral, na prevención e tratamento do acoso por razóns de sexo ou na protección integral da liberdade sexual e da integridade moral no traballo.

Trátase así dun espazo dixital de teleformación que pretende dotar de ferramentas de calidade -de xeito totalmente gratuíto- a empresas, a persoas formadoras e usuarias, ás que se lles ofrece información, formación e sensibilización para conseguir o reto de pasar da igualdade legal á real.

Linguaxe inclusiva

No caso da xornada deste mércores, que tamén se levou a cabo de xeito presencial, buscábase poñer de relevo a conciencia sobre a importancia de utilizar unha linguaxe inclusiva que non discrimine. Deste xeito, fíxose fincapé en que a lingua pode mudar a sociedade, promovendo a igualdade e o respecto cara a todas as persoas, recoñecendo a diversidade, propiciando a inclusión e combatendo a discriminación.

Nesa liña, tivo lugar un relatorio a cargo de Manuel Vicente Bermúdez, do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que -entre outras cuestións- axudou as persoas asistentes a detectar a linguaxe sexista ofrecendo ferramentas de adaptación para evitala. Tras a súa intervención, houbo unha rolda de consultas para que os participantes puidesen presentar as dúbidas ou casos concretos.

⚙ Configurar cookies
0.037723064422607