O cantautor Emilio Rúa actuará este martes en Esgos

O Concello de Esgos amplía a programación de Nadal cun concerto do cantautor galego Emilio Rúa, que terá lugar o martes 23 de decembro ás 19:00 horas no Centro Cultural Parada Justel, con entrada gratuíta.
A actuación enmárcase dentro das actividades culturais previstas para estas datas e achegará ao público de Maceda a proposta musical dun dos referentes actuais da canción de autor en Galicia. Emilio Rúa conta cunha traxectoria consolidada, caracterizada por un estilo íntimo e unha forte vinculación coa lingua e coa cultura galegas.
Ao longo da súa carreira foi recoñecido en diversos certames de ámbito estatal e colaborou con destacadas figuras da música, tanto galega como do resto do país. As súas composicións abordan temáticas ligadas á identidade, á memoria e ao territorio, combinando temas propios con revisións persoais de cancións tradicionais.
Con esta cita musical, o Concello de Esgos reforza a súa aposta por unha programación de Nadal diversa e de calidade, pensada para todos os públicos e orientada a dinamizar a vida cultural do municipio durante estas datas sinaladas.