O carballo de Padroso, en Xunqueira de Ambía, incorpórase ao catálogo galego de árbores singulares

Trátase dun rexistro público que protexe árbores e formacións con características excepcionais e que suma 205 elementos distribuídos por toda Galicia
carballo-de-padroso
Carballo de Padroso
10 Nov 2025

A Xunta de Galicia incluíu un exemplar de carballo (Quercus robur L.) situado no lugar de Padroso, no concello de Xunqueira de Ambía, no Catálogo galego de árbores senlleiras.

Esta árbore, que se atopa na franxa de protección dos Camiños de Santiago – Vía da Prata, ten un valor cultural especial na zona debido á celebración anual que se realiza xunto a ela cada primavera. Esta festividade converteuse nunha tradición para defender non só este carballo, senón tamén as carballeiras e o medio ambiente galego. A celebración conta coa participación de escritores, músicos e artistas que achegan un valor cultural engadido, e mesmo se publicaron libros dedicados a este exemplar.

O Catálogo galego de árbores singulares é un rexistro público que protexe árbores e formacións con características excepcionais, xa sexa polo seu tamaño, idade, rareza ou valor histórico, científico ou cultural. Dende a súa creación en 2007, o catálogo actualízase periodicamente e pode incluír exemplares a petición de propietarios, administracións, asociacións ou centros de investigación.

Con esta última incorporación, publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG), o catálogo suma un total de 205 elementos entre árbores individuais e formacións arbóreas, distribuídos nas catro provincias galegas: 76 en Pontevedra, 57 na Coruña, 43 en Lugo e 29 en Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.074100971221924