O CEE Manuel López Navalón acollerá mañá a entrega oficial das estatuíñas dos Premios Rebulir 2025

GaliciaXa | OurenseXa
As estatuíñas están realizadas polo alumnado deste centro de educación especial para a gala oficial de entrega dos Premios Rebulir de Cultura Galega, que terá lugar o 20 de decembro
rebulir
27 Nov 2025

O próximo venres 28 de novembro, ás 10:30 horas, o Centro de Educación Especial (CEE) Manuel López Navalón será o escenario do acto oficial de entrega das estatuíñas dos Premios Rebulir 2025, así como dos agasallos elaborados polo alumnado dos talleres de Formación Profesional do centro. A cerimonia estará presidida polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, e contará coa presenza da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández.

Esta actividade forma parte dun proxecto consolidado de aprendizaxe-servizo (ApS) cunha traxectoria de oito anos, no que o alumnado con diversidade funcional participa activamente en todo o proceso produtivo. Desde o deseño e planificación, ata a elaboración artesanal, control de calidade e entrega formal das pezas, ofrécese un contorno formativo auténtico que contribúe ao desenvolvemento de competencias técnicas, organizativas e sociais, ademais de prestar un servizo cultural de gran valor para a comunidade.

O programa do acto inclúe a apertura a cargo de Silvia Marín Pereiro, directora do CEE Manuel López Navalón, e a intervención de Alexandre Sotelino Losada, profesor da USC e director do Festival Internacional Rebulir 2025. Tamén participarán o alumnado e profesorado implicados nos talleres de FP, e procederase á entrega das estatuíñas e agasallos elaborados por eles. A clausura correrá a cargo do conselleiro Román Rodríguez, coa participación adicional de Judith Fernández. O evento finalizará cun catering preparado polo alumnado do taller de restauración.

As estatuíñas realizadas polo alumnado serán entregadas na gala oficial do festival aos premiados de 2025: Malvela, Cristina Castaño, o programa Luar da TVG e a comunidade galega en Euskadi. Ademais, creáronse agasallos especiais para o persoal voluntario do festival en recoñecemento á súa dedicación. A gala oficial dos Premios Rebulir 2025 terá lugar o 20 de decembro no concello de Ramirás.

⚙ Configurar cookies
0.076240062713623