O CEIP de Prácticas estrea unha cuberta totalmente renovada para mellorar a eficiencia enerxética do centro

OurenseXa
Os traballos contaron cun investimento de preto de 125.000 euros e mellorarán as condicións deste centro educativo
nova-cuberta-ceip-de-practicas
25 Mar 2026

As obras da nova cuberta do CEIP de Prácticas veñen de rematar tras un investimento de preto de 125.000 euros da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. A nova infraestrutura, que conta de 97 metros cadrados, busca mellorar as condicións do centro educativo e garantir unha maior eficiencia enerxética.

Os traballos consistiron na substitución da cuberta e o canlón do patio e a retirada da antiga cuberta de chapa sinxela apoiada en estrutura metálica cunha auga cara a un canlón de chapa que evacúa en dúas únicas baixantes ao saneamento xeral. Así mesmo, quitáronse todos os elementos de cuberta deixando a estrutura de sostén existente preparada para apoiar a nova cuberta de paneis metálicos de chapa sándwich e o novo canlón de chapa de aceiro galvanizado que desaugará a varias baixantes. A continuación, procedeuse á limpeza e pintado da estrutura metálica actual (piares, vigas e correas) con esmalte cor branca. Ademais colocouse un faldón de chapa ondulada micro perforada na zona alta da cuberta para evitar a entrada de auga de choiva ao patio cuberto. Tamén se acometeu a ampliación da zona cuberta coa construción da nova cuberta de 97 m2 sobre un patio de 7.95 X 12,20 m situado ao norte que linda co edificio do IES 12 de Outubro.

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supervisou este mércores o remate dos traballos, que se enmarcan no Plan de nova arquitectura pedagóxica impulsado polo Goberno galego e que ten por obxectivo dotar aos centros educativos da provincia de Ourense das mellores condicións para garantir unha educación de calidade, tamén desde o punto de vista das infraestruturas. "Falamos de obras de eficiencia enerxética, como cambios de cuberta, canlóns e fiestras, illamento de fachadas, así como de reparacións e intervencións de diferentes envergaduras, que contribúen a mellorar o día a día dos centros”, sinalou Pardo.

0.1218421459198