O CEIP O Couto transforma o salón de actos nun estudo de radio

OurenseXa
A actuación contou cun investimento de preto de 40.000 euros
Nova sala de radio no CEIP O Couto
Nova sala de radio no CEIP O Couto
16 Out 2024

O CEIP O Couto transforma o salón de actos nunha sala de radio para o alumnado do centro, unhas obras que contaron cun investimento de preto de 40.000 euros da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación profesional da Xunta de Galicia.

A intervención consistiu na demolición e retirada das luminarias e escenario existentes, a formación de tabique autoportante dobre de pladur ou similar, a instalación do falso teito en pladur con illamento de la de roca, o subministro e instalación de falso teito acústico e a reforma da instalación eléctrica para a nova sala de radio.

Tamén se executou o subministro e a instalación de luminarias led regulable de 60x60 centímetros con equipo de regulación; a colocación de enchufes, a instalación de focos de 30w; a colocación de chan de tarima flotante con lamina antihumidade, e rematouse co pintado de paredes.

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo, supervisou esta mañá as obras, onde destacou que ao longo deste ano a Xunta está a desenvolver na provincia de Ourense 128 actuacións, pequenas obras, cun investimento de 2.848.163 euros, e están en proceso de execución 6 grandes obras (renovación da cuberta do CEIP Castrelo de Miño; renovación das carpinterías do IES Celanova; substitución dos cadros eléctricos do IES 12 Outubro, e ampliación do CIFP Vilamarín, o IES Blanco Amor e o IES Chamoso Lamas) que suman máis de 5,4 millóns de euros; un total de máis de 8 millóns de euros; “o que fala ás claras do compromiso do Goberno galego coa modernización do sistema educativo, a través do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, iniciado en 2021”.

Manuel Pardo subliñou tamén que o curso escolar 2024-2025 será o primeiro no que Galicia implante a “absoluta gratuidade” no ensino público “desde os inicios ata a universidade”; e subliñou outras novidades para este novo curso como o incremento récord do profesorado, a redución dos rateos nun 20%, a mellora da atención á diversidade ou o Plan MEGA, orientado a fomentar o éxito escolar do alumnado con medidas como a atención ás necesidades educativas especiais.

0.13896203041077