O CEIP O Ruxidoiro estrea unha nova zona de ensino ao aire libre

O CEIP Plurilingüe O Ruxidoiro estrea unha zona verde acondicionada para o ensino ao aire libre, así como para o lecer e o esparexemento do alumnado. O novo espazo, antes residual e agora cheo de vida, utilizarase para dar clases, pero tamén para acoller representacións artísticas ou charlas.
A transformación da zona levouse a cabo por parte do Concello de Barbadás, que invertiu 40.000 euros na súa construción, en resposta á petición formal realizada polo propio colexio. “Ao tratarse dun espazo público, tívose en conta e, cando houbo dispoñibilidade orzamentaria, efectuouse”, explica Victoria Morenza, tenente alcalde e edila de Parques e Xardíns, a concellería encargada deste proxecto.
O espazo conta cunha bancada corrida de madeira, asentada sobre a topografía natural, en alusión aos teatros gregos. A bancada está orientada a un espazo ovalado de area. A actuación completouse cunha estacada de travesas que configura unha sorte de cabana para usos varios, bancos, plantacións vexetais (con especies perennes e caducifolias) e sistema de rego. “Esta zona pretende ser unha potenciación da natureza e tamén unha integración e concienciación dos nenos na sostenibilidade e na importancia de plantar árbores, de estar xuntos na natureza atendendo ás explicacións”, sinala Morenza.
Marga Pérez, concelleira de Educación, pon en valor este proxecto pioneiro a nivel galego que marca unha nova liña pedagóxica ao apostar por saír das aulas coa rapazada. A edila tamén destaca a colaboración entre o Concello e a dirección do centro educativo para facer realidade este espazo. Nesta liña, cabe destacar que o lugar tamén poderá ser utilizado para a realización de actividades municipais.
A zona verde forma parte do novedoso proxecto educativo do Ruxidoiro, Ruxinatur, que tamén inclúe as iniciativas Ruxihorto e Ruxilecer. O alumnado achégase deste xeito á natureza e a outras formas de aprender e poñer en práctica os coñecementos adquiridos nas aulas.