O CEIP Virxe de Covadonga inaugura un ascensor para mellorar a accesibilidade

OurenseXa
Os traballos contaron cun investimento de máis de 75.000 euros
ascensor-ceip-virxe-de-covadonga
4 Mar 2026

O CEIP Virxe de Covadonga conta desde esta semana cun novo ascensor destinado a facilitar a mobilidade entre as distintas plantas do centro. Os traballos, supervisados esta mañá polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, supuxeron un investimento de máis de 75.000 euros por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

Segundo explicou Pardo, a actuación consistiu na instalación dun ascensor no interior do edificio, con catro paradas –na planta baixa, primeira, segunda e terceira– para mellorar a accesibilidade. “Está adaptado para persoas con mobilidade reducida e conta cunha capacidade de oito persoas”, indicou, situándose no vestíbulo de entrada do colexio.

O delegado territorial precisou que para a instalación realizáronse dous ocos nos chans da planta baixa e primeira, ademais da escavación do foxo. Para completar a mellora da accesibilidade, tamén se proxectou unha rampla na planta baixa que salva a diferenza de nivel entre o chan do patio e o do comedor.

Pardo subliñou que esta intervención, integrada no Plan de nova arquitectura pedagóxica, “é un exemplo do compromiso da Xunta cunha educación pública de calidade que inclúe a mellora das instalacións coa fin de garantir que os escolares dispoñan de espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”.

O delegado territorial lembrou ademais que ata o 20 de marzo estará aberto o prazo para que as familias soliciten praza para o curso escolar 2026-27, tanto para o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo, maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil, como para aqueles que desexen cambiar de centro sempre que haxa prazas dispoñibles en Educación Infantil, Primaria, ESO e Bacharelato

0.13383293151855