O Centro Cultural José Ángel Valente acolle ata o vindeiro domingo a mostra 'Marzo todo o ano'

O Centro Cultural José Ángel Valente está a acoller a exposición colectiva de mulleres artistas de Ourense 'Marzo todo o ano', incluída na programación de actividades organizadas polo Concello de Ourense para conmemorar o 8M. O último día para visitala será o 27 de abril.
A finalidade desta exposición é poñer en valor a arte desde o traballo creativo e artístico da muller; a muller como artista no seu sentido máis amplo, creadora, investigadora, loitadora, etc. A mostra reúne a obra de 17 artistas plásticas, de diferentes idades e xeracións Ana Navas López, Cristina Roo, De Padua, Ana Fernández, Carmucha Vázquez, Olga Reinoso, Elena Guevara, Mayte Diz, Ana Ferreiro, Isabell Seidel, Lola Doporto, Tareixa Taboada, Ehlaba Carballo, María Puertas, Sula Repani, Alba Fernández e Gill Bird.
Tamén colabora no proxecto unha artista da palabra, a historiadora Olga Pastor, que destacou que “en Arco Madrid, a feira de mercado de arte máis importante a nivel nacional, houbo un 5,8% de artistas españolas mulleres na edición pasada. Somos a metade da poboación. Se cos datos na man nos ignoran e berrando chámannos tolas, o que nos queda é irmandarse, coidarnos entre nós e admirar a nosa grandeza. Xuntas”.