O Centro Cultural Marcos acollerá unha palestra do médico palestino Mohamed Safa


O movemento Boicote, Desinvestimentos e Sancións a Israel da Galiza (BDS Galiza) e a Rede Galega pola Palestina organizan nesta terza feira, 13 de maio de 2025, ás 19.30 horas a palestra "Gaza: un xenocidio televisado" no Centro Cultural Marcos Valcárcel, situado no número 30 da rúa do Progreso de Ourense. Nesta, o médico palestino Mohamed Safa falará sobre a situación na Palestina e o xenocidio que está levando a cabo o rexime colonial sionista.
Safa naceu en Nablús, na Cisxordania, no 1956 e licenciouse en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Posteriormente especializouse en Oftalmoloxía en Oviedo. Actualmente reside en Corcubión. É membro da Organización para a Liberación da Palestina (OLP) e ten feito numerosos artigos, dado conferencias, participado en iniciativas culturais e políticas pola visibilización da Palestina, así como publicado varios libros, entre os que están Palestina, grito por la libertad (2003); La revolución árabe. Democracia, nacionalismo y religión (2017); e La Segunda Nakba Palestina (2022).
A palestra fai parte das actividades levadas a cabo como anticipación ás manifestacións que terán lugar no día de 15 de maio nas sete cidades galegas en apoio da causa palestina. A data desta mobilizacións coincide co 77º aniversario do inicio da Nakba (“Catástrofe”, en galego), proceso de expulsión e xenocidio do pobo palestino.
