O Centro Cultural Marcos Valcárcel abre ao público a mostra 'O anxo que nunca fun', de Manuel Outumuro
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración 'O anxo que nunca fun' do fotógrafo ourensán Manuel Outumuro, que se poderá visitar no Centro Cultural Marcos Valcárcel ata o 6 de xaneiro de 2025.
Na súa intervención, Luis Menor reivindicou que a traxectoria e o traballo realizado ao longo de tantos anos por Outumuro é fundamental para “entender a cultura visual española contemporánea”, asegurando que un home autodefinido como “artesán que realiza fotografías por encargo” é “observar a evolución da cultura visual española, especialmente a moda e o cine”.
Manuel Outumuro está especializado nos retratos e polo seu obxectivo pasaron centos de emblemas da contemporaneidade -directores, actores, modelos, escritores, deportistas…- para publicacións de referencia nacionais e internacionais. Neste sentido, cabe destacar que o seu estilo é “único e o valor engadido do seu traballo é incalculable porque cada un dos seus retratos é unha obra de arte”, asegurou o presidente provincial.
A vinculación coa súa terra está moi presente na vida de Manuel Outumuro, quen atesoura unha longa lista depremios nacionais e internacional do máximo recoñecemento. A súa traxectoria e o seu prestixio profesional levaron ao xurado do Premio Ourensanía a acordar por unanimidade, a concesión deste galardón na edición de 2022.
Na inauguración desta mostra que chega ao Centro Cultural froito da colaboración entre o autor, a Deputación e o Ourense Film Festival (OUFF), tamén participou o propio fotógrafo, Manuel Outumuro; unha das comisarias da mostra, Imma Cortés; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; o director do Centro Cultural, Francisco González; e o director do OUFF, Miguel Anxo Fernández.
Manuel Outumuro explicou que das máis de 20 exposicións que fixo ao longo da súa carreira, esta é a primeira delas nas que hai unha importante implicación persoal. O fotógrafo dixo que en O anxo que nunca fun hai "un relato a través dos recordos da miña infancia e a posterior influencia que estes puideron ter na miña obra posterior. En definitiva, estes recordos, a modo de memorias escritas, toman gran importancia nesta exposición".
Neste sentido, Imma Cortés explicou que esta exposición, que tamén foi comisariada por Sílvia Omedes, é froito do traballo realizado nos últimos 10 meses durante os cales se investigou no fondo fotográfico do autor, que representa e xestiona a Fundación Photographic Social Vision, para localizar aquelas imaxes que mellor plasmaran a influencia que tivo a súa infancia en A Merca e Ourense na súa obra posterior.
Como resultado, “esta exposición inclúe imaxes inéditas que Outumuro fixo na actualidade, intentando recrear algúns recordos que permaneceron na súa memoria durante toda a súa vida”, explicou a comisaria da mostra, Imma Cortés. Ambas series de imaxes configuran un relato que viaxa entre o pasado e o presente, e que axudan a entender mellor a obra deste recoñecido retratista e fotógrafo de moda.
Ademais, a exposición compleméntase cun catálogo deseñado por Mireia Carbonell, cun formato inédito entre as publicacións deste autor, que inclúe textos e memorias do seu pasado e as súas raíces.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Anxo Lorenzo, salientou a importancia de “promover actividades culturais en espazos que sirvan de altofalante para artistas da nosa Comunidade”. Ademais, tamén puxo en valor o Ourense Film Festival, co que colabora a Xunta, que se celebrará dende o 27 de setembro ata o seis de outubro e que salientou como “un dos grandes encontros para o sector audiovisual galego”.
Pola súa parte, o director do Ourense Film Festival, Miguel Anxo Fernández dixo que para o OUFF é “un motivo de orgullo participar como copatrocinadores desta exposición, un proxecto tan persoal de Manuel Outumuro, ao que lle estamos moi agradecidos por ter deseñado o vistoso cartel para o festival deste ano. Con esta tan orixinal como magnífica exposición, que transcende máis alá de Ourense e na que asoma a mirada singular do seu prestixioso autor, o Ourense Film Festival mantén a súa liña de promover as actividades vinculadas ao audiovisual a través de fotografía".