O Centro Cultural Marcos Valcárcel acollerá unha nova edición de CataArte

A Deputación de Ourense colabora co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro na XI edición de CataArte, un evento que une viño, arte e música. As sesións terán lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel os días 13, 20 e 27 de novembro.
CataArte ofrece unha cata de viños de adegas da D.O. Ribeiro no marco dunha exposición artística, acompañada de concertos de entre 30 e 40 minutos. Nesta edición, as adegas protagonistas serán Pousadoiro e Casal do Canteiro (13 de novembro), Bodegas Casal de Armán (20 de novembro) e Bodega Alanís (27 de novembro). A parte musical correrá a cargo de The Lie’s Project, Álvaro Alonso DJ Verbena e Besbellos, respectivamente.
O evento mantén o seu carácter solidario, cunha entrada de 5 euros por sesión, que deberá adquirirse exclusivamente a través de Entradium.com. A recadación destinarase íntegramente á Asociación Diabética Auria.
O vicepresidente da Deputación, César Fernández, destacou o compromiso social tanto do Ribeiro como da Deputación, e afirmou que “o gran éxito de CataArte demostra que o viño da D.O. Ribeiro, a arte e a música armonizan á perfección”.
Pola súa parte, Concha Iglesias, presidenta do Consello Regulador, resaltou a consolidación do proxecto e o traballo conxunto co Centro Cultural Marcos Valcárcel: “Desde o seu nacemento, o Consello Regulador e o Centro Cultural Marcos Valcárcel fomos da man neste proxecto e agardamos seguir traballando xuntos en moitas máis edicións”.
Finalmente, Paz Gómez del Valle, presidenta da Asociación Diabética Auria, agradeceu o apoio e a visibilidade que esta iniciativa aporta á súa asociación, que desde 2002 traballa para mellorar a calidade de vida e defender os dereitos das persoas con diabetes e as súas familias na provincia de Ourense.