O Centro Cultural Marcos Valcárcel inaugura a mostra ‘Buciños + Buciños’

O Centro Cultural Marcos Valcárcel inaugurou este martes a mostra ‘Buciños + Buciños’, unha proposta que reúne a obra do escultor Monolo Buciños coa do seu fillo, Antón Buciños, nun diálogo interxeracional pouco habitual no ámbito expositivo, que poderá verse até o vindeiro 5 de abril.
Na obra artística de Buciños predominan as pezas de bronce, pero tamén presenta algúns traballos realizados en madeira e en pedra. Como novidade na exposición, hai varias figuras que combinan pedra e bronce, contrastando a cor clara da pedra co escuro do bronce (xeralmente abrazándose) e que o artista interpreta como unha chiscada á emigración e á acollida de persoas procedentes doutras culturas. A obra de Antón Buciños, neste caso, é pintura, óleos sobre lenzo cun marcado carácter abstracto e expresionista onde desenvolve as múltiples combinacións de cores.
Malia nacer na provincia de Lugo, Buciños escolleu Ourense como lugar para vivir e desenvolver a súa traxectoria artística, converténdose nun referente cultural da provincia e de Galicia, e pasando a formar parte da identidade cultural da cidade.
Trátase dunha mostra singular e con carácter diferenciador ao reunir a obra de pai e fillo, unha iniciativa que, segundo destacou o presidente provincial, Luis Menor, durante a inauguración, é “pouco usual” e “amosa a capacidade da Deputación para impulsar proxectos culturais singulares”. Neste sentido, agradeceu expresamente a participación de Antón Buciños, que “fixo posible ampliar o alcance da exposición e construír un relato compartido”.
Buciños, salientou Menor, é un “estandarte imprescindible da escultura galega” e a súa estreita vinculación coa provincia. A Deputación, explicou, mantén desde hai anos unha ampla relación co escultor, entre a que sobresae a creación da Calpurnia que se entrega aos galardoados do Ourense Film Festival, redeseñada o pasado ano cunha nova peza que actualiza este símbolo do certame. Un exemplo, segundo lembrou o presidente, dunha colaboración viva, baseada no respecto e na aposta continuada pola creación.
Menor quixo subliñar tamén a confianza que Buciños deposita no Centro Cultural Marcos Valcárcel, lembrando que a súa última exposición tivo lugar neste espazo no ano 2020 e que desde entón non quixo expor noutro centro. “Que un creador da súa dimensión escolla esta casa como espazo de referencia é un orgullo para a Deputación”, afirmou.
O presidente quixo tamén referirse á faceta persoal de Buciños, definíndoo como “un creador xeneroso, próximo, sempre dispoñible e profundamente comprometido con Ourense e con Galicia”.
A exposición enmárcase dentro da aposta da Deputación pola cultura como eixo estratéxico, cunha programación estable, apoio aos creadores e posta en valor dos espazos culturais provinciais, tendo no Marcos Valcárcel “un centro vivo, aberto e de referencia”.