O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Deputación, Premio Semente 2026 polo seu compromiso ambiental

O Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro da Deputación de Ourense vén de ser distinguido co Premio Semente 2026 na categoría de Compromiso Ambiental, un recoñecemento que pon en valor a súa traxectoria na defensa e coidado do medio natural ao longo das últimas décadas.
A entrega do galardón tivo lugar este 27 de marzo nun acto celebrado na Casa de Brea, en Piñeira Seca, no municipio de Xinzo de Limia. O premio, que destaca o labor de institucións e empresas na protección do contorno, recaeu nesta ocasión neste organismo dependente do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).
O presidente do Inorde e deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, expresou o seu agradecemento pola distinción, que foi recollida polo director técnico do centro, Servando Álvarez. Segundo destacou, “recoñece o traballo tan ben feito ao longo dos últimos 30 anos”.
Fernández tamén puxo o acento na importancia de compatibilizar o desenvolvemento económico coa sustentabilidade ambiental, sinalando que “Este premio é un orgullo para todas as persoas que integran este centro, ademais de ser un pulo para seguir traballando nun modelo de desenvolvemento que entende que o futuro de Ourense e do seu rural pasa, inevitablemente, por respectar e poñer en valor o noso patrimonio natural.”
Con este novo recoñecemento, o Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro reforza o seu papel como referente na promoción dun modelo de desenvolvemento sostible, vinculado á economía verde e ao territorio, tras máis de tres décadas de actividade ao servizo do rural ourensán.