O Centro de Formación e Recursos de Ourense desenvolve máis de 500 actividades dirixidas ao profesorado

OurenseXa
Realízanse máis de 5.000 horas de formación, con actividades de actualización, convivencia, inclusión, ferramentas dixitais ou plurilingüismo, entre outras
cfp-ourense
1 Apr 2026

O Centro de Formación e Recursos de Ourense está a desenvolver ao longo deste curso máis de 500 actividades dirixidas ao profesorado da provincia, cun volume que supera as 5.000 horas de formación. Así o destacou o director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Álvarez, durante a súa visita ao centro para analizar o desenvolvemento do plan anual formativo.

No encontro, o responsable autonómico felicitou ao equipo polo seu labor e puxo en valor o impacto destas accións na mellora da cualificación docente. “Isto pon de manifesto o alto nivel de participación e compromiso do profesorado e o bo traballo do equipo do centro”, afirmou.

A oferta formativa inclúe actividades que se desenvolven tanto no propio centro como nos colexios e institutos, a través de iniciativas individuais, grupos de traballo e seminarios. O Centro de Formación e Recursos de Ourense presta servizo a un total de 166 centros educativos, que elaboran os seus propios plans personalizados e impulsan 315 actividades.

Por ámbitos, destacan as accións centradas na didáctica, con 90 actividades orientadas á mellora dos procesos de ensino-aprendizaxe e á actualización metodolóxica. Séguenlles as relacionadas coa convivencia e a inclusión, cun total de 68, reflectindo a aposta por contornos educativos máis equitativos.

No ámbito dixital, desenvolvéronse 51 actividades enfocadas ao reforzo da competencia tecnolóxica do profesorado e á integración de ferramentas dixitais na aula. Pola súa banda, a comunicación e o plurilingüismo suman 44 iniciativas, mentres que a innovación e a investigación pedagóxica concentran 31 accións destinadas a promover novas prácticas nos centros.
“En definitiva, unha oferta formativa ampla e equilibrada, aliñada coas necesidades actuais e orientada á mellora continua da práctica docente”, concluíu o director xeral.

0.14960598945618