O Centro de Saúde da Ponte sumouse ao Día Galego Sen Tabaco co foco posto na mocidade

Coincidindo coa celebración do Día Galego sen Tabaco, o Centro de Saúde da Ponte instalou unha mesa informativa dirixida a pacientes e profesionais para concienciar sobre os riscos do consumo de tabaco e dos novos dispositivos de vapeo, así como para promover hábitos de vida saudables.
Durante a xornada, o persoal sanitario informou sobre os recursos dispoñibles para deixar de fumar e repartiu material divulgativo do Plan Inspira Saúde da Xunta de Galicia, que impulsa accións de prevención e sensibilización fronte ás condutas aditivas. As persoas asistentes puideron recibir consellos personalizados e coñecer os servizos de apoio que ofrece o programa galego de deshabituación tabáquica.
O Día Galego sen Tabaco comezou a celebrarse en 2023 no marco do Plan Inspira Saúde e este ano ten como lema “Novos consumos, mesma elección: Elixe Saúde”, centrado no aumento do uso de vapeadores e dispositivos electrónicos entre a mocidade. Segundo datos da Xunta, máis do 40 % dos menores de 14 anos probaron algunha vez un vapeador, unha cifra que supera xa o consumo de tabaco convencional neste grupo de idade.
Durante a actividade, Isabel Pereira, enfermeira do centro, destacou que “nos primeiros vinte minutos pódese notar xa unha mellora da tensión arterial e da frecuencia cardíaca” tras deixar de fumar, e insistiu en que unha recaída non debe interpretarse como un fracaso. “Tras un ano sen fumar, o risco dun infarto redúcese á metade e, en dez anos, o risco de cancro de pulmón é o mesmo que o dunha persoa que nunca fumou”, explicou. Ademais, lembrou que quen queira deixar o tabaco pode contar co apoio do equipo sanitario, e advertiu sobre o perigo dos novos consumos entre os máis novos: “O máis importante é non empezar a fumar nunca e tamén lembrar que os vapers e cigarros electrónicos, tan populares entre os adolescentes, non son inofensivos. Teñen cores e sabores atractivos, pero son igualmente prexudiciais”.