O Centro de Transformación de pequenas producións sostibles de Cantoña xa funciona a pleno rendemento

OurenseXa
O proxecto, situado en Paderne de Allariz, pretende incentivar aos produtores da provincia e á veciñanza en xeral a recuperar hortas ou pequenas plantacións froiteiras para transformalas en produtos comercializables
centro-pequenas-producions-sostibles-cantoñajpg
Centro de Transformación de pequenas producións sostibles de Cantoña
15 Oct 2025

O Centro de Transformación para pequenas producións sostibles, impulsado pola Deputación de Ourense a través do Inorde, xa está plenamente operativo. O presidente provincial, Luis Menor, visitou hoxe as instalacións situadas na antiga estación de tren de Cantoña, en Paderne de Allariz, onde comprobou os avances deste proxecto que, desde o verán, conta cos seus primeiros usuarios elaborando os seus propios produtos.

Durante a visita, Menor salientou as melloras que supuxo esta iniciativa, destacando “a recuperación dun patrimonio público” que permanecía abandonado e que agora presta “un servizo que beneficiará ao medio rural”. O centro pretende incentivar aos produtores da provincia, así como a calquera veciño interesado, a recuperar hortas ou pequenas plantacións froiteiras para transformalas en produtos comercializables, favorecendo o traballo da terra e a obtención de ingresos adicionais.

O presidente provincial destacou tamén o papel do centro como espazo para fomentar o emprendemento, ao ofrecer aos produtores a posibilidade de iniciarse na elaboración e venda de conservas vexetais, zumes naturais ou derivados do mel sen necesidade de realizar un investimento inicial. En palabras de Menor, os propios usuarios recoñecen a utilidade das instalacións e afirmaron que “ojalá hubiéramos tenido esto cuando empezamos”, xa que aquí atopan “toda la ayuda que necesitan para producir con seguridad”.

No ámbito da innovación social, o proxecto implicou a máis dun cento de persoas no seu deseño e formación, e favoreceu a creación dunha comunidade de produtores que xa conta cunha asociación de 29 membros, con destacada presenza feminina, que comeza a organizar compras conxuntas e procesos de cooperación para mellorar a eficiencia.

A Deputación destinou, a través do Inorde, 500.000 euros á rehabilitación e acondicionamento do edificio, e recibiu ademais unha axuda de 296.000 euros do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico para accións de deseño, equipamento e formación. En total, o investimento acada os 800.000 euros.

Luis Menor destacou que a provincia conta agora cun centro colaborativo de transformación de produtos sostibles “a la vanguardia en Galicia”, e felicitou ao equipo do Inorde e ás persoas implicadas polo “intenso trabajo” desenvolvido durante os últimos catro anos para facer realidade un proxecto “de alta complejidad”.

Na visita participaron tamén o alcalde de Paderne de Allariz, Manuel Pérez, así como o presidente e a xerente do Inorde, Rosendo Fernández e Emma González, xunto a alcaldes e concelleiros de municipios da comarca.

⚙ Configurar cookies
0.076889038085938